Escoitar

Inauguración exposición "Juan Ortí: Traballos Verticais" na Fundación Laxeiro

Este venres, 18 de outubro, ás 20:00 h, a Fundación Laxeiro (r/ Policarpo Sanz, 15) inaugura a exposición que compón a terceira entrega do ciclo Entre mares que, en colaboración con Collblanc, espai d’art de Castelló, leva, por terceiro ano consecutivo, posibilitando o intercambio de artistas de Galicia, que mostran o seu traballo na Comunidade Valenciana (no espazo Collblanc), e artistas valencianos que mostran o seu traballo na Fundación Laxeiro.

mércores, 16 out 2013
1381926344juanorti.jpg
Nesta terceira edición, a exposición é o proxecto titulado Traballos verticais do artista nado en Galicia e afincado en Valencia, Juan Ortí (A Coruña, 1974).

Traballos verticais é a materialización dun traballo de investigación que levou a Juan Ortí a unha síntese na concepción formal da súa escultura. Composta por sete pezas de cerámica branca, realizadas coa técnica do modelado en torno, Traballos verticais parte das formas arquitectónicas industriais, como os silos de almacenamento de cereal e fariñas, para realizar un proceso de eliminación daqueles elementos superfluos, e descubrir a forma esencial desas estruturas que, desde finais do século XIX, foron un elemento identificativo do territorio en extensas zonas da xeografía española, símbolo dun modelo produtivo e económico, á vez que iconas conformadoras da paisaxe.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 8 de decembro.
Descargar todas as imaxes