Escoitar

O Concello aboa 608.000 euros na primeira quincena de outubro de "apoio cultural e social"

Abel Caballero informou hoxe martes dos pagos efectuados ao longo deste mes a entidades como a UNED, PSA Peugeot Citroën -no marco do apoio ao emprego na factoría viguesa-, Conxemar, o Comedor da Esperanza, o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, ou as fundacións culturais Laxeiro, Liste e MARCO, por valor total de 608.000 euros.

martes, 15 out 2013
O alcalde de Vigo informou este martes dos pagos aboados a distintas entidades da cidade no que levamos de mes de outubro para apoiar a súa actividade social, cultural e de emprego, cantidade que ascende a 608.000 euros.

Segundo detallou, o Concello de Vigo pagou 50.000 euros a Conxemar, a metade do importe total do convenio de apoio á feira; 27.000 euros para a aula da UNED en Vigo, que costea integramente o goberno local; e 150.000 euros para apoiar a contratación na factoría de Balaídos de PSA Peugeot Citroën. Tamén fixo efectivo a metade do convenio co Comedor da Esperanza, 11.500 euros, e 75.000 euros a colectivos dentro do Plan municipal de Emprego 2013.

O alcalde tamén indicou que a cidade de Vigo ven de pagar 86.000 euros ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para prestar servizos "da súa competencia", como o Xantar na Casa e o Centro de Emerxencia para mulleres vítimas de violencia de xénero, con sede en Vigo e pagado pola administración local para toda Galicia.

En materia cultural, e durante os primeiros quince días de outubro, o goberno presidido por Caballero pagou case 210.000 euros para apoiar a Fundación Laxeiro, a Fundación Liste e a Fundación do Museo de Arte Contemporánea de Vigo.