Escoitar

O goberno local investirá en política social e emprego as novas taxas a grandes empresas de servizos

O Pleno aprobou este martes a modificación da ordenanza ás compañías de telefonía móbil e da taxa ás empresas polo uso das galerías soterradas municipais, co apoio de PSOE e PP e a abstención do BNG. Por estes conceptos, o goberno de Vigo prevé recadar 775.000 euros o próximo ano, que adicará a política social, educativa e emprego.

martes, 15 out 2013
A sesión extraordinaria do Pleno da Corporación municipal de Vigo celebrada hoxe martes acordou aprobar -cos votos de socialistas e populares, e a abstención nacionalista- a modificación da ordenanza que regula a taxa ás empresas de telefonía móbil e a que gravará ás compañías que empregan as galerías soterradas de titularidade municipal.

A concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz, defendeu as dúas ordenanzas así como a política fiscal do goberno local, que levou á cidade a converterse na "menos endebedada de España" e a incrementar o apoio aos cidadáns con menos recursos. A edil recordou que o goberno presidido por Caballero conxelou todos os impostos e taxas para 2014.

Pola contra, Raquel Díaz criticou a actitude da Xunta e do Goberno central, tras anunciarse a suba da auga, do servizo de recollida de lixos, o copagamento para dependentes ou o copagamento hospitalario. Ademais, avanzou que, segundo os datos facilitados ao Concello pola Federación Española de Municipios e Provincias, as entregas a conta do ano que vén se reducirán un 3,5%, o que supón que as arcas viguesas deixarán de ingresar uns 2,5 millóns de euros.

A oposición municipal censurou que o goberno de Vigo non elevara ao debate plenario o conxunto das ordenanzas fiscais, con independencia da conxelación proposta, xa que impide a grupos políticos e colectivos cidadáns poidan presentar propostas ou alegacións.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo amosouse "moi satisfeito" pola aprobación da modificación destas dúas taxas. Este cargo ás "grandes empresas" de telefonía, móbil, auga ou gas, definida polo alcalde como "política impositiva progresista", ten coma obxectivo que contribúan coa política social da cidade.