Escoitar

Abel Caballero data para outono de 2014 as escaleiras mecánicas do Casco Vello

Tras o ditame favorable dos arqueólogos, o goberno local estima a licitación desta obra para finais deste ano e o inicio da mesma en febreiro ou marzo. As escaleiras mecánicas da rúa Segunda República conectarán a Porta do Sol con Abeleira Menéndez, cun orzamento superior ao millón de euros.

luns, 14 out 2013
1381752018escaleras.JPG
Abel Caballero, xunto a Carmela Silva e David Regades, visitaron este luns a finalización das catas arqueolóxicas previas á construción das escaleiras mecánicas que unirán a Porta do Sol e Abeleira Menéndez, para facer máis "accesible" á parte alta do Casco Vello.

Segundo informou Caballero, os catro sondeos realizados non revelan material de interese arqueolóxico, polo que o espazo se adapta á obra prevista. O atopado nas prospeccións foi un recheo de xabre, pedras de pouco tamaño e dúas taxeas, que se manterán.

A partir de agora, e segundo a previsión municipal, o goberno local aprobara o proxecto este mesmo mes para licitar a primeira fase da obra (entre a Porta do Sol e a pequena praza intermedia) a finais deste mesmo ano. As obras comezarían entre febreiro e marzo do próximo ano e rematarían en outono. O orzamento total das escaleiras mecánicas supera o millón de euros, dos que 489.000 euros xa están asignados no orzamento do Concello de 2013.

As escaleiras, que convivirán coas de pedra, salvarán un desnivel aproximado de 10 metros. Haberá dous tramos na primeira fase, unha ata a primeira transversal -pegada a parede do edificio Simeón- e unha segunda polo medio da rúa ata a pequena praza intermedia. A segunda fase completará a subida ata Abeleira Menéndez.

Abel Caballero asegurou que o proxecto é "relevante" ao ser "a primeira vez na historia da cidade que se fai un desenvolvemento destas características", definido polo alcalde como a "conciliación da modernidade e o respecto á historia".
Descargar todas as imaxes