Escoitar

O goberno local valida a urbanización de Poulo, con 753 vivendas das que o 42% serán protexidas

Abel Caballero deu conta este venres da aprobación definitiva do Plan Especial de Reforma Interior de Poulo, 133.000 metros cadrados detrás do Centro Comercial Travesía que finaliza así a súa tramitación administrativa. A urbanización do ámbito contempla máis de 25.000 metros cadrados de zonas verdes e 10.000 para equipamento.

venres, 20 set 2013
O PERI sitúase detrás d Centro Comercial Travesía, entre a súa Rorís polo norte, Cantabria polo oeste e o sur e o Camiño de Poulo, Camiño de Vista do Mar e Camiño de Poulo (parroquia de Teis).

Abel Caballero explicou que a aprobación é un "avance moi importante" que remata coa tramitación administrativa do ámbito e agora será a propiedade a que debe impulsar a fase de construcción, para o que estima un prazo aproximado de ano e medio ou dous anos.

Xunto aos 517 estacionamentos públicos previstos, o alcalde fixo fincapé no montante de vivendas a construir neste espazo, un total de 753, das que 560 estarán en pisos de ata seis alturas e outras 193 serán unifamiliares. En todos os casos, o Concello obriga á reserva do 42% das mesmas para vivendas protexidas.

Coia
A Xerencia de Urbanismo deste venres aprobou o Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reurbanización dos espazos interiores no grupo de 502 vivendas das rúas Bueu, Moaña, Vilagarcía e Camiño da Raposa, en Coia. Grazas a este paso, nesta área de 15 bloques de edificios -onde habitan moitas persoas de avanzada idade- poderán ser instalados ata 45 elevadores.

Paralelamente, o Concello de Vigo tramita a declaración deste polígono como Área de Rehabilitación Integral, ata agora aplicada aos cascos históricos, que ampliará a posibilidade de acollerse a subvencións, que poderían costear entre o 40 e o 75% do orzamento total.

Falperra
O alcalde de Vigo informou asemade da aprobación do gasto de 81.400 euros e os pregos de condicións para contratar a demolición dun inmoble en ruinas no número 30 da rúa Falperra, traballos que asume o Concello de xeito subsidiario ao non acometelo a propiedade.

O goberno local, ante os informes técnicos alertando dos riscos de seguridade do edificio, retirara no 2010 a cuberta, a cornisa e as barandas metálicas das fiestras. No 2011, o Concello tamén apuntalou a fachada do edificio.