Escoitar

Aberto o prazo de inscrición para o concurso de rondallas

martes, 26 nov 2002
A Concellería de Festas e Animación Sociocultural organiza o XXII Concurso de Rondallas que se celebrará o mércores, 1 de xaneiro de 2003, ás 18:00 horas no Instituto Municipal dos Deportes das Travesas. Neste concurso poderán participar todas aquelas agrupacións que teñan un mínimo de 40 compoñentes e un máximo de 120.

As inscricións para este concurso deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, en impreso normalizado, ata o día 11 de decembro de 2001. Así mesmo, deberá acompañar a inscrición, unha certificación bancaria e fotocopia compulsada do CIF ou NIF segundo proceda. O número máximo de agrupacións participantes limítase a 12 e como único criterio de selección é a orde de inscrición.

Establécese un primeiro premio de 2.110 euros, o segundo percibirá 1.810 euros e o terceiro clasificado 1.210 euros. O resto das agrupacións participantes percibirán 750 euros cada unha. Así mesmo, establécese un premio único de 300 euros, ó conxunto de abandeirados.

A orde de actuación das 12 rondallas inscritas decidirase mediante un sorteo que se realizará na Casa do Concello, o día 19 de decembro ás 12:00 horas: recoméndase que a este sorteo acuda un representante de cada rondalla inscrita.

O xurado do concurso cualificará entre 0 e 10 puntos enteiros a vestimenta de toda a rondalla, instrumentación musical, evolución na pista de toda a rondalla e mailo repertorio musical.

Cada agrupación disporá dun máximo de 10 minutos para realiza-las interpretacións que estime oportunas. Os himnos oficiais dos estados e das comunidades autónomas non poderán ser incluídos nos repertorios que executarán as rondallas participantes.

As rondallas clasificadas no primeiro, segundo e terceiro lugar do concurso quedarán obrigadas a participar no desfile da ”Cabalgata de Reis 2003”, que organiza o Concello de Vigo e que se celebrará o día 5 de xaneiro. Por este concepto aboaráselles a cada unha delas un importe total de 750 euros, con tódolos conceptos incluídos.

Os interesados poden solicitar as bases no departamento de Festas e Animación Sociocultural.