Escoitar

Inauguración da exposición Afinidades Selectivas 6

Hoxe mércores, 12 de xuño, ás 20:00 h, ten lugar na sala de exposicións da Casa Galega da Cultura (praza da Princesa, 2) a inauguración de AFINIDADES SELECTIVAS 6, froito do convenio de colaboración asinado entre a concellería de Cultura e Festas e a Universidade de Vigo. Trátase dunha exposición colectiva, comisariada por Almudena Fernández Fariña, de Berta Cáccamo + Mar Vicente; Chelo Matesanz + Natalia Umpierrez; X. M. Buxán + Alex Mene eYolanda Herranz + Basilisa Fiestras<br />

mércores, 12 xuñ 2013
1371036549afinidades.jpg
Afinidades Selectivas 6 dá continuidade a un proxecto proposto no ano 2008 pola profesora Susana Cendán. A sexta edición desta exposición consolida aquel proxecto que xa forma parte da axenda cultural da cidade de Vigo.

A exposición continúa na procura de afinidades entre docentes da facultade de Belas Artes e discentes que pasaron polas súas aulas. Os enriquecedores debates e diálogos que se producen nas aulas da facultade, trasládanse ao espazo expositivo da Casa Galega da Cultura para que os espectadores compartan tamén eses intercambios de experiencias visuais, plásticas, conceptuais...

A exposición articúlase a través dunha sucesión de eleccións por afinidade. A comisaria escolle a catro profesores: Berta Cáccamo, Chelo Matesanz, X. M. Buxán e Yolanda Herranz. Nestes artistas atopa intereses comúns por temas de xénero (Buxán, Herranz) e pola práctica aberta e expandida da pintura (Matesánz, Cáccamo). Os catro docentes participan tamén como co-comisarios e escollen á súa vez a catro ex-estudantes: Mar Vicente, Natalia Umpierrez, Alex Mene e Basilisa Fiestras; nas súas obras artísticas, os profesores atopan vencellamentos, coincidencias, proximidades...

Na exposición non hai, polo tanto, un fío temático ou discursivo, senón uns fíos que se unen uns aos outros formando unha cadea de afinidades.

Como en edicións anteriores, procúrase amosar a riqueza dun diálogo interxeracional no que non existen xerarquías. Fóra da facultade non hai profesorado e alumnado, non hai diferenzas de grao, só hai artistas que tenden pontes de comunicación entre eles, que despegan as súas formas, conceptos, discursos..., artistas que, en definitiva, afrontan os seus traballos cos mesmos desexos, ilusións, dúbidas e certezas.

A exposición estará aberta ao público ata o 14 de xullo.
Descargar todas as imaxes