Escoitar

O alcalde incide en que os datos de maio de Peinador "avalan" a defensa do aeroporto

Abel Caballero mantivo este martes reunións coa A.VV. Casco Vello, a Asociación de Taxistas e representantes de axencias de viaxes, dentro da rolda de contactos que está a manter previa á concentración en defensa de Peinador do día 19. A caída de viaxeiros "avalan que temos que actuar de forma inmediata", apuntou.

martes, 11 xuñ 2013
1370952461agencias.JPG
Caballero, con profesionais das axencias de viaxes
Os datos de pasaxeiros de maio en Peinador rexistran unha caída do 11% con respecto ao mesmo mes do pasado ano, cifras que "avalan que temos que actuar de forma inmediata", asegurou o alcalde, para subsanar a "discriminación" que padece o aeroporto de Vigo -o único galego que non recibe subvencións- sobre os de Santiago e A Coruña.

Caballero proseguíu este martes coas reunións previas á concentración convocada en defensa do aeroporto -o 19 de xuño, ás 20:30 horas na Porta do Sol-, entrevistándose hoxe con representantes da A.VV. Casco Vello, da Asociación do Taxi de Vigo e da provincia e de distintas axencias de viaxes. Os colectivos amosaron o seu "apoio" a "dinamizar" o aeroporto de Vigo para lograr que estea "en igualdade de condicións" co resto das terminais galegas, segundo informou o alcalde en rolda de prensa.

O rexedor incidiu en que apoiar Peinador é respaldar o "aparato produtivo vigués", a súa economía, avanzou que "imos seguir adiante" e avogou por subvencionar liñas tamén en Vigo mentres se manteñan as achegas públicas en Santiago e A Coruña.
Descargar todas as imaxes