Escoitar

Voluntarios participarán nun programa ambiental de recuperación de dunas

martes, 12 nov 2002
A Oficina Municipal de Voluntariado, da Concellería de Participación Cidadá, organiza un programa de recuperación das dunas das praias Argazada e Fontaíña co obxectivo de fomentar o voluntariado ecoloxista ao tempo que pretende aumentar a calidade dos areais. Este plan está coordinado pola Concellería de Medio Ambiente.

As persoas voluntarias realizarán labores de protección das zonas dunares con valados para evitar o deterioro causado polo paso de persoas que frecuentan este espacio. Procederase á restauración das zonas deterioradas e á construcción de pasarelas de madeira para facilitar o acceso cara os camiños de paso. Entre outras accións, sinalizaranse as zonas protexidas e instalaranse paneis informativos para os visitantes. Ademais, realizarase unha campaña regular de limpeza dos residuos depositados na praia e nas dunas.

As dunas son fundamentais como reserva de area para evitar a erosión da praia polos temporais. O litoral é unha das áreas xeográficas cunha maior puxanza económica e desenvolvemento urbano que degradou a maioría das zonas dunares. As praias con dunas constitúen unha interesante formación xeolóxica e teñen un gran valor ecolóxico debido a que moitas especies de plantas e insectos habitan neste medio. Ademais, posúen un interese natural e atractivo paisaxístico sobranceiro.

Aquelas persoas que o desexen poden colaborar nos traballos de recuperación e conservación destas dúas zonas litorais viguesas. O único requisito é ter interese en participar e realizar traballos de tipo manual na natureza. En cada xornada de actividades os participantes recibirán información explicativa das características da zona e tipos de traballos a desenvolver, contando sempre co apoio dun biólogo. Procúrase que haxa rotacións no reparto de actividades (limpezas, valados, plantacións...) en función das necesidades do traballo. Do mesmo xeito, os participantes reciben unha folla informativa coas novidades do proxecto co fin de que poidan valorar mellor o seu esforzo.

Os interesados en participar neste programa poden poñerse en contacto coa Oficina Municipal de Voluntariado no correo ofi.voluntariado@vigo.org