Escoitar

Vigo apoiará a manifestación en demanda dunha maior galeguización no ensino

xoves, 26 abr 2001
O Pleno do Concello de Vigo manifestou o seu compromiso a prol da normalización do galego no ensino coa demanda á Administración autonómica para que vele polo cumprimento do Decreto 247/1995, que desenvolve a Lei de Normalización Lingüística para o ensino non universitario.

O Pleno expresou tamén o seu apoio á manifestación convocada en Santiago de Compostela para o Día das Letras Galegas por diferentes organizacións sindicais, políticas e en defensa da lingua, en demanda dunha maior galeguización do ensino.

A realidade que vive hoxe o galego no ensino, en canto á súa presencia real, está lonxe de ser ideal nun país que posúe esta lingua como propia (artigo 5 do Estatuto de Autonomía e artigo 1 da Lei de normalización lingüística) e no que a demanda desta presencia vén de lonxe, establece a moción aprobada.

Tras xa varios anos de incorporación da lingua galega ao ensino, resulta en certo modo frustrante comprobar o pouco que se avanzou neste terreo, ante a pasividade dunha Administración incapaz de pór en marcha medidas que efectivamente corrixan a situación. Neste sentido, cómpre lembrar que a actual lexislación destinada a avanzar no proceso de normalización lingüística no ensino –concretada no Decreto 247/1995- non se está a cumprir.

Un estudio feito no ano 1998 pola Consellería de Educación revelaba, por exemplo, datos tan significativos como que só nun 30% das aulas de educación infantil e nun 17% das de primeiro ciclo de primaria se fai a lecto-escritura en galego, ou que nun 46,3% das aulas de BUP e COU non se cumpren os mínimos de uso do galego que establece o devandito Decreto.

Esta situación, ademais, hai que a enmarcar nun momento no que a lingua galega está a sufrir un preocupante retroceso do seu uso social no seo da sociedade galega, sobre todo nas xeracións máis novas.

Na propia Administración local tamén é detectable esta diminución na presencia da lingua propia, malia existir desde o ano 1988 unha Lei do uso do galego como lingua oficial nas entidades locais, lei que pretende garantir o emprego do galego por parte da administración máis próxima á cidadanía e, asemade, ordenanzas municipais que concretan dito uso como no caso do noso Concello.