Escoitar

O Concello contrata con Caixanova a operación de crédito para financiar os investimentos do ano 2001

xoves, 26 abr 2001
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, asinou co director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, un contrato de préstamo de 2000 millóns de pesetas que servirán para financiar os investimentos que realizará este ano a Administración local. O crédito contratouse a dez anos, cun tipo de xuro variable euribor, sen límite de reducción e cun teito do 5,2%.

Lois Castrillo salientou as favorables condicións do contrato indicando que esta é a operación de crédito máis vantaxosa realizada polo Concello na historia da democracia. O director xeral de Caixanova subliñou tamén que as condicións do préstamo son mellores que as habituais nestes momentos no mercado bancario e explicou que iso é unha mostra do compromiso da entidade que dirixe coa cidade de Vigo.

Na actualidade, o coeficiente de endebedamento do Concello de Vigo está no 100,7 por cento, 7 puntos por debaixo da cifra na que se encontraba en 1999. O límite legal para ese endebedamento é do 110%.