Escoitar
O alcalde cre que os vigueses non deben pagar as consecuencias dunha medida pouco meditada do Goberno central

Castrillo asegura que o Concello non subirá os impostos para compensar a posible supresión do IAE

venres, 25 out 2002
imx1912.jpg
Lois Castrillo
Lois Castrillo afirma que o Goberno municipal non subirá en ningún caso os impostos para compensar a perda de ingresos derivada da posible aplicación da reforma da Lei de Financiamento das Facendas Locais proposta polo Goberno central. O alcalde vigués considera que o Goberno de Madrid non pode facer pagar aos vigueses as consecuencias dunha reforma precipitada e que non conta co apoio de ningún concello do Estado.

Segundo os cálculos do Goberno municipal, a aprobación da reforma presentada polo Goberno central suporíalle ao Concello de Vigo unha reducción de ingresos próxima aos 10 millóns de euros. Para subliñar a magnitude do problema, o Alcalde explicou que esa cantidade supón o custo de mantemento das instalacións deportivas municipais, o parque de bombeiros e os servicios de parques e xardíns xuntos.

Lois Castrillo cre que a reforma proposta é un golpe directo á administración máis cercana aos cidadáns e que de aplicarse tería consecuencias moi negativas sobre os servicios que prestan as administracións locais. Por iso, o alcalde vigués esíxelle ao goberno Aznar que negocie a reforma cos concellos.

Castrillo considera que o Imposto de Actividades Económicas é un imposto mal concebido e que debe ser reformado, pero cre que a súa supresión non pode supoñer un prexuízo para os Concellos e para os servicios que estes ofrecen. A súa proposta é a de que se estudie unha fórmula pola que a administración do Estado compense ás entidades locais pola merma de ingresos que produciría a supresión do IAE.
Descargar todas as imaxes