Escoitar

Concerto de música antiga na EMAO

O venres 15 de xuño ás 20.30 horas, terá lugar no Auditorio da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, un concerto a cargo do Departamento de Música Antiga do Conservatorio "Manuel Quiroga"" de Pontevedra. Unha estupenda oportunidade para escoitar, en vivo, música dos séculos XVI, XVII e XVIII, interpretada cos seus instrumentos orixinais: viola de gamba, teorba, guitarra barroca, frauta de bico. A entrada é libre ata completar o aforo.<br />

xoves, 14 xuñ 2012
1339673307concertoprogcol.jpg
Esta actuación forma parte das actividades de colaboración que desde hai anos mantén ese Centro de ensino coa EMAO, especialmente co obradoiro de Construcción Artesanal de Instrumentos Musicais (CAIM-Luthería antiga).

Músicas Reencontradas
Polos camiños da historia, noutrora separadas, veñen agora atoparse novamente, dúas pólas da música que un día a cultura escrita esgazara. Quizáis por iso, saudosas, a música culta anterior a J. S. Bach e as músicas da tradición oral que ata nós chegaron, volven a miúdo beber unha da outra para procurar estilos, modos, cadencias, ou cando menos e en calquera caso, inspiración, para ser recreadas e postas de novo en vida para os ouvintes contemporáneos. O traballo da EMAO, e particularmente do seu taller de instrumentos, é unha boa proba dos resultados desta procura mutua: tradicionais zanfonas a carón do seu antecesor, o organistrum medieval; fídulas e violas; harpas de lonxana tradición céltica –real ou imaxinaria, tanto ten- que viaxan entre Irlanda e Compostela; delicados laúdes que andiveran entre a taberna e o pazo cortesán.

O concerto do departamento de Música Antiga do Conservatorio Manuel Quiroga, co que a EMAO ven mantendo unha estreita colaboración desde hai anos, quere ser un elo neste diálogo a través da historia, e para elo, trae a este espazo, melodías, ritmos e sons dos séculos XVI, XVII e XVIII. Tráeos para que nos seus instrumentos revivan novamente na cercanía destes primos irmáns, e na percepción de ouvidos atentos a un son, por veces áspero e picante, outras mate e delicado; un son que evoca un espazo á vez antigo e actual, por igual ventura dos que hoxe tallan a madeira e dos que con delicados dedos fan brotar dela harmonías sen tempo.

Sentemos e escoitemos atentos o diálogo imaxinario das músicas, que é tamén o diálogo de dúas institucións formativas, a EMAO e o Conservatorio Manuel Quiroga, comprometidas nun mesmo afán: o de que nada borre a historia.
Descargar todas as imaxes

Máis información