Escoitar

O alcalde anuncia a apertura das instalacións deportivas da ETEA tras a aprobación do orzamento

Nunha visita ás antigas instalacións militares, Abel Caballero avanzou este mércores que a aprobación definitiva dos orzamentos do Concello para 2012 -prevista para dentro de dúas semanas aproximadamente- dará "luz verde" á apertura das instalacións deportivas da ETEA. As contas municipais reservan 200.000 euros ao efecto.

mércores, 9 mai 2012
1336565446etea.jpg
Tras a "gran reforma" efectuada no mandato anterior cun custe superior aos 800.000 euros, o alcalde explicou que as instalacións deportivas da ETEA entrarán en funcionamento unha vez o Pleno da Corporación aprobe de xeito definitivo o orzamento municipal para 2012.

Caballero indicou que as instalacións –que serán xestionadas directamente pola Concellería de Deportes- están "en perfecto estado de uso" e o goberno local ten todo preparado para a súa apertura, pendente da aprobación dunhas contas que reservan 50.000 euros para gasto corrente e outros 150.000 euros de inversión na antiga sede militar.

O primeiro edil apuntou que entra nos plans do goberno de Vigo habilitar a zona deportiva -onde as medidas impiden facer un campo de fútbol reglamentario- cun terreo de "fútbol sete" e un aparcamento gratuito para dar servizo aos usuarios do pavillón. A idea do Concello é ter no recinto espazo para a práctica do baloncesto, balonmano, fútbol sala e ximasia, e valora dispor dun rocódromo para os afeccionados á escalada, segundo revelou Caballero.

Por outra banda, o alcalde adiantou que está en estudo a posibilidade de converter a piscina nun centro de auga de mar, unha obra que sería "viable" tanto por cuestións técnicas como polas vacantes que rexistra a piscina municipal de Teis. Caballero afirmou que é "altamente probable" que esta novidosa opción saia adiante.
Descargar todas as imaxes