Escoitar

Posta en marcha do Plan de Formación para ONLs 2002-2003

venres, 13 set 2002
A Concellería de Participación Cidadá pon en marcha o Plan de Formación para as Organización Non Lucrativas (ONLs) 2002-2003, ó abeiro do Primeiro Plan de Participación Cidadá. O Plan persegue constituírse como ferramenta de mellora organizativa das ONLs, así como de reforzar o seu potencial de acción e desenvolvemento no marco social actual.

Con este fin, organiza 13 cursos que atenden ás necesidades de capacitación na xestión e na dinamización asociativa. As accións van dirixidas a representantes, socios, persoal asalariado e colaboradores das asociacións inscritas no Rexistro Municipal.

O plan contempla cursos que atenden ás novas necesidades de coñecemento de informática e internet: capacitación na xestión económica, a fiscalidade e a captación de fondos. Na mesma orientación práctica, ofrécense cursos que fortalezan as iniciativas desde o sector asociativo (xestión de proxectos, organización de eventos), a súa capacidade de resposta ás novas problemáticas sociais (análise de necesidades sociais, introducción ás políticas sociais), a súa xestión e planificación xeral (técnicas de dirección estratéxica e por obxectivos) e a súa capacidade dinamizadora en base a unha organización democrática (dinamización da participación, traballo en equipo).

Os cursos desenvolveranse, desde o día 7 de outubro de 2002 ata o 13 de maio de 2003, en horario de 20 a 22 horas, en dous Centros Sociocomunitarios habilitados pola concellería de Participación Cidadá e situados nos barrios de Casco Vello e Teis.

O vindeiro día 18 de setembro de 2002, ás 19:30 H, terá lugar o Acto de Presentación do Plan, no Salón de Actos da Casa Galega da Cultura, Praza da Princesa. Dita presentación correrá a cargo da Concelleira de Participación Cidadá, Mariló Cabaleiro González. Os detalles técnicos do Plan serán presentados polo seu Coordinador Docente, o sociólogo e especialista no asociacionismo e o Terceiro Sector, Jorge Fente Balsa. Esta presentación vai dirixida ós representantes das organizacións non lucrativas viguesas.