Escoitar

O xacemento musealizado de Toralla converterase nun dos centros máis importantes de Galicia

venres, 13 set 2002
imx1760.jpg
Escavación
A concelleira de Patrimonio Histórico, Carmen Corbalán, presentou os primeiros resultados da escavación realizada, en colaboración coa Universidade de Vigo, na finca de Mirambell que se converterá nun xacemento musealizado con centro de interpretación e cafetería. Fermín Pérez Losada, director da escavación, explicou que se encontraron 6.000 fragmentos de cerámica e unha das mellores coleccións de vaixelas finas importadas de Cartago.

A aportación municipal foi de 82.300 euros, dos 135.000 euros correspondentes á anualidade de 2002 destinada á investigación e comezo de execución do proceso de musealización, como primeira das tres fases do proxecto. Corbalán vencellou esta actuación coas realizadas polo Concello para a recuperación do litoral vigués.

Pérez Losada destacou a necesidade de ofrecerlle ao público un dos xacementos máis importantes de Galicia, que fora descuberto pola familia Mirambell nos anos 20 do século pasado. Nesta primeira fase pretendeuse completar a definición da casa de campo, nunha superficie de 560 m2, con modelo característico da fachada atlántica da época romana. Ten planta rectangular cun corredor que serve de elemento de distribución das estancias. Os basamentos de grandes bloques de granito de máis de dous metros de profundidade para a cimentación son indicativos da calidade e magnitude da obra, explicou Pérez.

Atopáronse 6.000 fragmentos cerámicos, metais, vidro e restos alimentarios, ademais dunha das mellores coleccións de vaixelas de mesa importadas de Cartago, o que dá a coñecer o intenso tráfico marítimo de Vigo. Entre a cerámica pintada está a que contén decoración de paxaros e unha peza única cun centauro.

O director da escavación sinalou que os estudios sobre o xacemento desenvolvéronse, ademais do contido humanístico, no ámbito científico da Universidade de Vigo que realizarán datacións magnéticas, estudios sedimentolóxicos e a reconstrucción planimétrica.
Descargar todas as imaxes