Escoitar

Ultímase o Plan de Limpeza do Rural

xoves, 12 set 2002
A concelleira de Limpeza, Isaura Abelairas, reunirase cos presidentes das asociacións veciñais das 19 parroquias de Vigo co obxectivo de ultimar o Plan de Limpeza do Rural. Este programa, que comezou a desenvolverse esta semana, pretende adecentar os camiños e parques de titularidade pública.

Na xuntanza, á que asistirán tamén técnicos de limpeza e o responsable da empresa concesionaria, Abelairas dará conta do plan e solicitaralles aos presidentes das asociacións do rural un informe detallado sobre os lugares que, ao seu xuízo, necesitan unha actuación máis urxente.

Puxéronse en marcha nove brigadas integradas por un conductor e dous operarios, distribuídas en quendas de mañá con catro brigadas, tres no de tarde e dúas no de noite. Os brigadistas levarán desbrozadoras de man e serán asistidos, nos lugares nos que sexa necesario, por un tractor desbrozador mentres un camión se encargará de recoller os residuos.

A Concellería de Limpeza dá, coa posta en marcha deste plan, un paso máis na busca da equiparación do rural co casco urbano na calidade de servicios municipais.