Escoitar

Constitúese en Vigo a Fundación Carlos Casares

luns, 9 set 2002
imx1743.jpg
Zulueta, Berg e Castrillo
No pazo Quiñones de León reuníronse os membros do Padroado da Fundación Carlos Casares para asinaren o documento de adhesión a esta iniciativa. O alcalde e membro do Padroado, Lois Castrillo, explicou que ”Galicia necesita de estructuras como esta Fundación, que contribúan no labor de difundir non só a lingua e a cultura, senón tamén valores como o diálogo e a tolerancia, que sempre caracterizaron o comportamento de Carlos Casares”.

O obxectivo da Fundación é promover o estudio e difusión da obra de Casares e desenvolver actividades relacionadas coa súa idea de promoción da cultura, da lingua e do galeguismo. Fomentará tamén actividades culturais e científicas de carácter xeral relacionadas cos campos de traballo e as inquedanzas do escritor.

Os membros do padroado nomeados con carácter vitalicio son Kristina Berg, Xavier Casares Mouriño, Mercedes Casares Mouriño, Hakan Olof Roi Casares Berg e Lars Christian Casares Berg. Estarán representados por un padroeiro o Concello de Vigo (Lois Pérez Castrillo), o Concello de Ourense (Manuel Cabezas), a Consellería de Cultura (Xesús Pérez Varela), o Consello da Cultura Galega (Alfonso Zulueta de Haz), a Real Academia Galega (Xosé Ramón Barreiro), Caixagalicia (Xosé Luís Méndez), Caixanova (Julio Fernández Gayoso), La Voz de Galicia (Santiago Rey Fernández-Latorre), a Fundación Penzol (Blanca Jiménez)e a Editorial Galaxia (Xaime Illa Couto).

Estiveron presentes tamén seis persoas que formarán parte do consello rexedor a título individual: o escritor Manuel Rivas, o ex-rector da USC Darío Villanueva, o profesor Manuel Rodríguez Álvarez, o empresario Manuel Rodríguez Vázquez, o bodegueiro X.M. Fonseca Moretón e o subdirector de Galaxia, Damián Villalaín, que exercerá como secretario da Fundación.

Actividades

Dado que a Fundación nace coa vocación de promover a cultura de Galicia dentro e fóra da comunidade, realizarase outro acto de presentación de ámbito estatal que se desenvolverá en Madrid.

Para iniciar as actividades de difusión da obra e personalidade do escritor coeditarase un libro de Ramón Loureiro cunha das últimas entrevistas ao que fora presidente do Consello da Cultura Galega e do Pen Club de Galicia e director da Editorial Galaxia. Está tamén en marcha un traballo do profesor Marcos Valcárcel que recolle as colaboracións xornalísticas de Carlos Casares no diario La Región.

No mes de outubro, co comezo do curso escolar botará a andar un proxecto de animación á lectura entre os segmentos máis novos da poboación, no que se agarda que participen máis de 500 mestres.

En novembro celebrarase un encontro de escritores no Liceo Ourense, no que Carlos Casares será un referente constante.

A programación do ano rematará en decembro cun acto homenaxe a Carlos Casares. Nel presentarase un libro que recolla os artigos e colaboracións xornalísticas aparecidos na prensa galega e estatal nos días seguintes ao pasamento do escritor.

Tendo en conta a importancia de internet, a Fundación disporá proximamente cun sitio web para a difusión da información sobre o escritor e da actividade da propia fundación.

A recompilación e clasificación dos fondos documentais do escritor (manuscritos, correspondencia, notas do seu diario...) serán labores que acometerá a Fundación co fin de facilitar o acceso a tódolos interesados no estudio do autor e da súa obra. En colaboración con importantes figuras do mundo académico e cultural galego, publicarase unha biografía de Casares.

A Fundación Carlos Casares buscará manter e potenciar os vínculos que o escritor e académico trazou entre Galicia e as diferentes institucións e persoeiros de fóra da autonomía promovendo encontros, conferencias e estudios de temas de interese galego no estranxeiro e no resto de España.

Para promover unha formación xornalística baseada na experiencia internacional e no coñecemento doutras culturas, a fundación ten a vocación de fomentar estudios para xornalistas no estranxeiro ou no resto de España.
Descargar todas as imaxes