Escoitar

Unha exposición sobre o arquitecto Antonio Palacios abrirá o debate sobre o desenvolvemento urbanístico da cidade

xoves, 6 xuñ 2002
imx1520.jpg
O alcalde, Lois Castrillo, e a concelleira Carmen Corbalán presentaron a exposición ”Antonio Palacios, arquitectura e cidade” que se inaugurará o 13 de xuño na estación de trasatlánticos do Porto de Vigo. A mostra está organizada pola Concellería de Patrimonio Histórico e o Círculo de Bellas Artes de Madrid.

Castrillo lembrou que foi Antonio Palacios quen definiu a Vigo como ”a Barcelona atlántica”, o que dá idea da visión de futuro do arquitecto sobre a cidade que hoxe pensa en converterse nunha gran metrópole atlántica. ”Esta exposición vai ser un punto de referencia para tódolos cidadáns que ambicionen un futuro óptimo no desenvolvemento de Vigo”, afirmou o alcalde.

A concelleira de Patrimonio Histórico, Carmen Corbalán, destacou o interese por presentar o plan de reforma interior de 1932 coñecido como ”Plan Palacios” para suscitar o debate nun momento no que a cidade de Vigo ten en proceso de redacción un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O comisario da mostra, Jacobo Armero, explicou que a exposición ofrece unha visión completa da obra do arquitecto na cidade, a súa preocupación polo contorno e por ”facer cidade” mediante o deseño de edificios. Sinalou que Palacios realizou grandes edificios en Madrid, determinantes da imaxe da cidade.

A exposición, que se desenvolve en máis de 1.500 metros cuadrados, divídese en catros seccións nas que o visitante percorre a vida e obra do insigne arquitecto. Esta estructura obedece a unha concepción global do autor e da súa obra, xa que comeza coa súa biografía e percorre, da man do visitante, toda a súa vida profesional.

Unha breve biografía ilustrada de Antonio Palacios amosaralles ós visitantes os aspectos máis singulares da vida do autor. Seguindo a estructura da mostra, a segunda sección céntrase nun percorrido sistemático pola obra completa do arquitecto a través de máis de 30 proxectos descritos e documentados, así como varias maquetas (unha do templete de acceso ó metro na rede de San Luis, feita expresamente para a mostra, e outra do edificio do Círculo de Bellas Artes) e obxectos deseñados por Antonio Palacios como o confesionario do Templo Votivo do Mar en Panxón.

Na terceira sección, trátase expresamente a idea arquitectónica de cidade que tiña Palacios. Así, nun grande panel expóñense máis de 200 postais nas que a obra galega do autor é a protagonista. Igualmente, esta sección conta cunha reportaxe audiovisual de 20 minutos de duración con imaxes de películas nas que a obra de Palacios serve de escenario e con documentais e noticiarios nos que os seus edificios son enclaves da recente historia de España. Como singularidade, os visitantes poderán ver unha maqueta do Palacio de Comunicacións de Madrid. Finalmente, o percorrido péchase cunha sección adicada ós obxectos personais e biográficos do autor, algún deles de carácter inédito.

Actividades paralelas

A exposición desenvolverá, ó mesmo tempo, unha serie de actividades paralelas destinadas a impulsar o coñecemento do autor e da súa obra no meirande público posible. Entre estas actividades, destaca a organización de diferentes mesas redondas e conferencias que versarán sobre os distintos aspectos e puntos de vista da vida e obra do arquitecto. Estes encontros, nos que participarán expertos na obra do autor, teñen como obxectivo primordial sacar á luz os traballos e conclusións do arquitecto sobre Vigo e o seu territorio -ós que adicou unha boa parte da súa vida profesional- e que plasmou no seu “Plan de Ensanche e Reforma Interior da Cidade de Vigo” (1932). Deste xeito, preténdese enriquecer e fomentar o debate que se está a producir actualmente entre a cidadanía viguesa sobre o futuro da cidade.

Asemade, realizaranse percorridos virtuais (charlas impartidas por expertos e apoiadas con soportes visuais) polas asociacións veciñais da cidade e visitas guiadas ós principais municipios que acollen a maior parte da obra galega do arquitecto como Mondariz, Porriño, O Carballiño e Vigo. Estas visitas, nas que colaboran diferentes entidades culturais das áreas xeográficas visitadas, desenvolveranse os sábados e consistirán nun percorrido polos principais edificios de Palacios nestos concellos acompañados dun experto coñecedor da obra do arquitecto.

A primeira das conferencias -que contan coa colaboración do Instituto de Estudios Vigueses- titúlase “Antonio Palacios, arquitecto de cidades: perspectiva histórica” e terá lugar o vindeiro luns, 10 de xuño, no Centro Cultural Caixanova.

A mostra achegarase ás asociacións veciñais da cidade mediante a colaboración da Federación de Asociacións de Veciños “Eduardo Chao” con charlas impartidas por expertos nos seus locais.

Descargar todas as imaxes