Escoitar

Xuventude destina 6.000 euros para subvencionar programas de colectivos xuvenís

xoves, 6 xuñ 2002
A Concellería de Xuventude convoca subvencións destinadas a colectivos xuvenís vigueses para o que dispón de 6.000 euros que se distribuirán entre as asociacións inscritas no rexistro municipal que soliciten estas axudas. Os interesados deberán presentar os seus programas antes do 17 de xuño no rexistro xeral.

Estas subvencións teñen como obxectivo apoiar os programas de actividades ou publicacións das asociacións xuvenís que complementen os servicios municipais neste ámbito e que promovan o asociacionismo dos mozos e a súa intervención de cara á comunidade. Favorecer o desenvolvemento dos programas de actividades promovidas polas asociacións xuvenís para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais da mocidade e estimular a participación das diversas asociacións xuvenís son outros dos fins desta convocatoria.

As actividades obxecto de subvencións estarán programadas por colectivos xuvenís e o seu ámbito de aplicación non poderá ser exclusivo para os seus socios. A subvención outorgada estará destinada ao desenvolvemento de actividades, excluíndose os gastos derivados de administración, xestión ou adquisición de bens inventariables. A contía destinada ás subvencións non poderá exceder, con carácter xeral, ao 50% do custo da actividade.

As asociacións que soliciten subvencións deberán estar inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións como asociacións xuvenís, debendo acreditalo documentalmente.

A efectos de exclusión en canto ao tipo de actividades subvencionables, establécense as seguintes:

1.- As actividades propias dos clubes deportivos.
2.- As actividades docentes previstas nos plans de ensino vixentes.
3.- As edicións de periódicos, revistas, folletos e carteis de signo exclusivamente propagandístico para a asociación solicitante.
4.- As actividades propias de entidades de carácter político e doutrinal de signo partidario ou confesional.
5.- As actividades que teñan unha canle específica de subvención por parte doutros sectores do Concello.
6.- As actividades que procuren algún tipo de lucro para os seus promotores.
7.-Os gastos xerais das entidades relativos á xestión, adquisición de patrimonio, investimentos e equipamentos, mantemento e aluguer do local social.
8.- As actividades que supoñan unha discriminación por razóns de raza, sexo, lingua ou relixión.

Estarán excluídas destas modalidades de subvención en canto ó tipo de solicitantes:

1.- As asociacións e entidades exclusivamente deportivas.
2.- As entidades con ánimo de lucro.
3.- As administracións públicas, así coma as entidades e unidades que dependan delas, orgánica ou presupostariamente.
4.- As asociacións que non teñan xustificado debidamente as axudas recibidas en anos anteriores.

As solicitudes de subvención cursaranse polo rexistro municipal xunto coa seguinte documentación:

a) Solicitude de subvención dirixida ao Ilmo. Sr. Alcalde.
b) Proxecto-programa de actividades.
c) Memoria das actividades realizadas no ano anterior.
d) Xustificantes acreditativos das subvencións recibidas no ano anterior.
e) Fotocopia do CIF.
f) Datos bancarios.
g) Declaración na que conste:
* As subvencións e apoios solicitados tanto a entidades públicas coma privadas.
* Que na data da solicitude ao Concello, a actividade non estea incluída en ningún programa xa subvencionado.
h) Xustificante do Rexistro Municipal de Asociacións como asociación xuvenil.
i) Certificado de non ter débedas coa Administración municipal.

Os solicitantes de subvención aportarán á Casa da Xuventude, e no prazo que se lles indique, os datos complementarios requiridos.

O abono da subvención concedida farase efectivo ao finalizar o programa ou actividade obxecto da subvención, previa presentación da memoria da actividade e xustificantes dos gastos e ingresos acaecidos coas facturas orixinais respectivas.

Para os solicitantes de subvencións para publicacións, deberán cumprir, ademais dos anteriores, os seguintes requisitos:

a) As publicacións subvencionadas non poderán ter carácter de boletín interno da asociación.
b) Presentar un proxecto editorial que incluirá os datos dos responsables da redacción-edición, o detalle das seccións, o número de páxinas, as características do formato, as cores do papel e tintas de impresión, a tirada, o sistema de distribución e o plan de financiación.
c) As publicacións subvencionadas disporán de depósito legal, e os editores, presentarán
á Concellería de Xuventude as probas de imprenta para a conformidade.
d) A Concellería de Xuventude reservarase a contratación de cada publicación para a inclusión de textos ou ilustracións que considere oportunos.
e) A Concellería de Xuventude poderá adquirir un número de exemplares determinado previamente.

O prazo de xustificación da subvención concedida será ata o día 31 de decembro de 2002.