Escoitar

O tenente de alcalde e o reitor da Universidade de Vigo asinaron un convenio para reactivar o emprego xuvenil

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, a concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinaron este mércores un protocolo de colaboración para potenciar o acceso dos mozos e mozas ao mercado laboral, mediante a posta en marcha do Plan Integral de Emprego Xuvenil. Asinouse tamén un convenio para fomentar o traballo en rede no eido cultural entre a Tenencia de Alcaldía, a Concellería de Cultura e a Universidade.

mércores, 18 mai 2011
1305732705ConveniosUniversidade.JPG
Santi Domínguez fixo fincapé en que nestes momentos de crise, nos que o aumento do paro afecta a un sector moi importante da mocidade, "é fundamental que todas as accións de goberno estean encamiñadas a solucionar este problema". Neste sentido, asegurou que no BNG "temos claro" que na nosa cidade hai un instrumento moi importante, como é a Universidade, non só no avance das novas tecnoloxías, "senón tamén para crear liñas de actuación en materia de emprego".

O tenente de alcalde lembrou que o protocolo asinado hoxe culmina as conversas mantidas coa Universidade de Vigo para que esta institución levara adiante o Plan Integral de Emprego Xuvenil. Segundo manifestou, este plan "ten que ser a folla de ruta que o goberno municipal ten que poñer en marcha para acadar a reactivación do emprego xuvenil".

A concelleira de Xuventude destacou a pertinencia deste protocolo de colaboración xa que segundo afirmou, "a xente moza é a que máis sufre o desemprego", cunha porcentaxe de paro situada no 45%. "Trátase dunha situación suficientemente preocupante para potenciar a eficacia dos recursos", manifestou.

Iolanda Veloso destacou que o BNG "sempre tratou de ter unha relación estreita" coa Universidade de Vigo. "Tendo os recursos no eido da investigación e na elaboración das propostas sobre a realidade da cidade, pensamos que este protocolo servirá para ofrecer medidas concretas que palíen o desemprego xuvenil". Ao respecto indicou que as competencias municipais neste eido "son relativamente pequenas comparándoas con outras administracións, como Xunta ou goberno de Estado, pero temos que asumilas".

O reitor da Universidade de Vigo afirmou que é "un pracer estar neste acto que culmina o traballo dos últimos meses". Segundo Salustiano Mato, este traballo conxunto concrétase no Plan Integral de Emprego Xuvenil, que se levará a cabo a través do vicerreitorado de Transferencia de Coñecementos e se dirixirá á cidadanía de Vigo que estea "na primeira idade de achegarse ao mercado laboral". Un dos aspectos que segundo o reitor incidirá este Plan é o autoemprego, ou "como a xente nova pode crear a súa propia empresa". Sinalou que outra liña tratará de "orientar á xente moza sobre como poñer en valor as súas capacidades e coñecementos, armonizándoas coa busca de emprego".

Respecto ao protocolo entre a Tenencia de Alcaldía, a Concellería de Cultura e a Universidade viguesa, Santi Domínguez explicou que o seu obxectivo é traballar en rede para que as iniciativas postas en marcha pola Universidade conten co apoio do Concello e viceversa. "Queremos que a veciñanza e as asociacións deportivas e culturais nos vexan como un barrio máis da cidade e poder interactuar", manifestou Salustiano Mato pola súa banda. Ao seu xuízo, é preciso establecer unha rede no eido cultural "que signifique unha ventanilla única na que poder ofertar as actividades culturais".

Segundo o reitor, con este protocolo "establecemos a metodoloxía de como a Univerdade pode mergullarse máis na cidade". Defendeu que é importante que a cidadanía de Vigo "vexa que ten un barrio ao que poder acudir para poder alimentar as súas necesidades de ocio, pero tamén é importante atender as demandas que teñen os veciños en determinados temas". Asegurou que este acordo "será un punto de inflexión que nos permita estar máis presentes".

Para Santi Domínguez, a sinatura destes dous protocolos inicia unha "colaboración moi estreita" no ámbito social, económico e cultura "que redundará no beneficio da cidade", asegurou.
Descargar todas as imaxes

Máis información