Escoitar

Caballero avanza que o goberno local elabora un proxecto de apoio ao futuro de Citröen

O alcalde reuniuse neste martes co director da factoría viguesa de PSA Peugeot Citröen, Pierre Ianni, co que realizou un revisión a situación económica actual e as previsións de futuro. Ante as posibilidades da caída da demanda e da restrición da produción Caballero avanzou que se traballa xa nun proxecto que permitiría recuperar as taxas de emprego.

martes, 30 nov 2010
1291125029psa.jpg
"O Concello vai facer un gran esforzo", asegurou o alcalde esta mañá tras reunirse con Pierre Ianni. Así avanzou que se presentará en próximas datas un borrador do proxecto que persegue a viabilidade da fábrica viguesa no futuro así coma contribuír a xerar emprego.

Aínda que o rexedor non desvelou as particularidades do proxecto si que adiantou que está xa avanzado e que "hai acordo nas liñas centrais de por onde debe ir o apoio". A iniciativa responde ás previsións da factoría que falan, no que se refire a vehículos convencionais, de "un mal horizonte en 2011, un horizonte mellor en 2012 e boas expectativas para 2013", indicou o alcalde.

O obxectivo municipal deste acordo bilateral que ultiman o Concello de Vigo e a factoría de Balaídos pasa por dar "apoio ao proceso de fabricación a través dun convenio" que estea baseado "no emprego vencellado ao medioambiente".

Respecto do coche eléctrico, Caballero explicou que PSA Peugeot Citroën ten un "gran proxecto" no que "o Concello vaise embarcar a fondo, formando parte activa de todo este proceso".

Ademais do apoio avanzado hoxe e vinculado á produción do coche eléctrico, o Concello prevé unha serie de medidas complementarias como a adquisición dunha flota de vehículos, a elaboración dunha ordenanza municipal que dea vantaxes aos usuarios deste transporte sostible, o establecemento dun consorcio para os sistemas de abastecemento eléctrico nos edificios particulares, unha rede de electrolineiras e a colaboración co Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) do Ministerio de Industria para a concesión de axudas directas á compra e á fabricación.
Descargar todas as imaxes