Escoitar

A alcaldesa de Paul agradece a colaboración de Benestar que permite financiar a rehabilitación de vivendas en Cabo Verde

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, e a alcaldesa da Cámara Municipal de Paul en Cabo Verde, Vera Almeida, explicaron hoxe os proxectos que se están desenvolvendo nesta localidade do país africano grazas á achega que fai o Concello de Vigo a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A alcaldesa de Paul salientou a importancia do proxecto de rehabilitación de 22 vivendas que se está levando a cabo coa achega de 50.000 euros que realiza a Concellería de Benestar Social, polo que agradeceu especialmente á María Méndez a colaboración.

martes, 30 nov 2010
1291124914Paul.JPG
A concelleira do BNG afirmou que é un pracer ter en Vigo a unha persoa dos países en desenvolvemento "que nos visita para sensibilizar á cidadanía e seguir traballando". María Méndez lembrou que o Fondo Galego leva arredor de sete anos traballando con este país africano e destacou que ela mesma tivo a oportunidade de "ver que son comunidades que aproveitan esa colaboración e a invisten na mellora da calidade de vida da cidadanía".

María Méndez destacou que o Concello de Vigo dedica 115.000 euros á colaboración, dos que 70.000 euros son xestionados polo Fondo Galego en dous proxectos, un na cidade de Paul e outro en Mozambique. Respecto á colaboración do Concello de Vigo con Cabo Verde, María Méndez indicou que comezou hai tres anos co Instituto da Muller deste país. Salientou que grazas ao obxectivo desta entidade de impulsar o empoderamento das mulleres, acadouse unha presenza nas listas do 30%, así como a alcaldía en varias localidades.

A alcaldesa de Paul defendeu a continuidade da colaboración do Fondo Galego con Cabo Verde xa que aínda que é un país cunha renda media superior ao resto dos estados africanos, padece graves problemas entre os que destacou "a pobreza e o desemprego". Afirmou que a boa actuación do goberno caboverdiano fixo que este país da costa atlántica africana "estea no grupo de crecemento medio" e que teña xa alcanzados tres dos Obxectivos do Milenio, como son "o acceso á saúde, á escolaridade e á auga potable".

Destacou que os proxectos financiados a través do Fondo Galego de Cooperación precisamente se desenvolven dende a perspectiva de xénero, tarefa que afirmou que en Paul resulta complicada. "Había moitos estereotipos e prexuízos, polo que o traballo debeu comezar dende cero ", asegurou.

Para explicar o proxecto co que colabora o Concello de Vigo, indicou que Paul é o segundo municipio máis pobre de Cabo Verde, con 52 quilómetros cadrados e 8.500 habitantes, e graves problemas de vivendas, violencia, alcoholismo, saúde pública e embarazos nas rapazas adolescentes. "Identificamos os problemas principais para potenciar a colaboración das propias familias", explicou. Segundo salientou, ás familias elixidas pola Cámara e as asociacións locais son as que teñen prioridade á hora de beneficiarse dos proxectos, de forma que as propias familias colaboran estreitamente no desenvolvemento dos programas. "Cada familia escolle a prioridade que quere que se lle financie, como a colocación do teito ou o baño", sinalou.

En total, este programa permitirá a rehabilitación de 22 vivendas, que rematarán en xaneiro, un mes máis tarde do previsto inicialmente "debido as fortes chuvias", explicou a alcaldesa de Paul. Vera Almeida fixo referencia a súa historia persoal para salientar a importancia do desenvolvemento de proxectos de colaboración. Sinalou que foi electa alcaldesa de Paul no ano 2008, sendo deputada nacional dende 2006, e xa a segunda vez que se presentaba como candidata aos comicios municipais. "O meu traballo como "política" defínese como muller que quere conquistar o seu espazo", manifestou.
Descargar todas as imaxes