Escoitar

O Concello cede locais para manter o servicio do consulado arxentino en Vigo

luns, 27 mai 2002
O Pleno da Corporación municipal aprobou, por unanimidade, a cesión provisional duns locais situados no antigo edificio de Asefal mentres se manteña a situación de dificultade económica do país e da sociedade arxentina para que poidan seguir desenvolvéndose os servicios propios da actividade consular en Vigo.

A profunda crise económica que está a atravesar o estado arxentino levou ao Goberno daquel país a adoptar drásticas medidas de recorte de gastos entre as que se encontra o peche de legacións diplomáticas en máis dunha ducia de nacións. Unha das oficinas diplomáticas afectadas por esa política de aforro é a que a República Arxentina mantén aberta na nosa cidade dende hai máis dun século.

Vigo acolle unha numerosa colonia de cidadáns arxentinos, que se incrementa ano a ano de forma cada vez máis acusada por mor da difícil situacion económica e dos problemas sociais polos que atravesa o país austral. O peche do consulado arxentino en Vigo causaría enormes prexuízos á ampla colonia de cidadáns arxentinos que reside na nosa cidade e en toda Galicia, xa que o de Vigo é o único consulado arxentino que funciona na nosa comunidade. Igualmente se verán enormemente prexudicados por esta decisión milleiros de galegos retornados do país sudamericano e as numerosas empresas que habitualmente manteñen relacións comerciais con Arxentina e que utilizan os servicios deste consulado.

O peche do consulado é unha decisión especialmente inoportuna nestes momentos nos que se está a producir unha intensa corrente migratoria dende Arxentina a Galicia. A atención que veñen recibindo os arxentinos que se establecen no noso país por razóns de traballo ou os galegos que deciden regresar á terra trala súa estadía de anos en Arxentina verase inevitablemente afectada por esta medida.

O afán do Concello de Vigo por evitar os prexuízos que causaría o peche do consulado e o espírito solidario da nosa cidade cun país co que mantemos historicamente tantas e tan estreitas relacións fan pensar na oportunidade de atender a demanda de colaboración expresada tanto polas autoridades arxentinas como pola comunidade de cidadáns procedente daquel país e asentada en Vigo. Esa solicitude de axuda céntrase na posta a disposición da embaixada arxentina en España dun local no que, de xeito provisional, poida seguir desenvolvendo a súa actividade en Vigo ata que o Goberno arxentino estea en condicións de restablecer a normalidade nos seus servicios diplomáticos.