A xunta de voceiros do Concello de Vigo solicita a retirada do proxecto de reforma de lei básica de emprego
A xunta de voceiros acordou aprobar o seguinte texto, co voto en contra do representante do grupo municipal do PP.
ACORDO ADOPTADO POLA XUNTA DE VOCEIROS DO CONCELLO DE VIGO
O Goberno español presentou un documento sobre “Medidas de reforma da protección por desemprego e da Lei Básica de Emprego” que, segundo anuncia, está disposto a tramitar para o converter en lei. Este proxecto recolle unha serie de normas que, lonxe de mellorar o sistema de protección aos desempregados, teñen un carácter claramente antisocial ao recortar dereitos laborais.
España é o país europeo con maior taxa de desemprego e, sen embargo, está, segundo datos da OCDE, entre os que menos gasto dedica á protección social, con periodos de protección aos parados insuficientes. O 44% dos parados non percibe ningunha prestación económica e a maioría dos que sí a reciben cobran simplemente un subsidio de 330 euros ao mes. O Estado recada a través das cotizacións dos traballadores máis do que dedica a prestacións por desemprego, o que xerou un excedente, entre xaneiro e novembro de 2001, de 3.600 millóns de euros que se destinaron a outras políticas.
Unha somera análise do proxecto gobernamental descobre medidas que supoñen un claro deterioro de dereitos sociais e que xustifican a oposición a esta reforma por inxusta, ineficaz, porque non mellora o funcionamento dos Servicios Públicos de Emprego e porque ademais creba o diálogo social:
- Se recortan as prestacións por desemprego e se restrinxe o acceso ás mesmas. Así, os contratos de inserción non darían dereito ás prestacións: negaríase a protección por desemprego a traballadores fixos discontinuos: impediríase a moitos parados o acceso á prestación ao computarse como renda as indemnizacións por despido e a vivenda como patrimonio...
- Implántase a obriga de aceptar un “emprego axeitado”, o que introduciría discrecionalidade á hora de impoñer sancións aos parados e os forzaría a aceptar ofertas de traballo aínda que as súas condicións fosen inaceptables dende o punto de vista económico ou familiar.
- Abarátase o despido ao recortarse os dereitos que hoxe teñen recoñecidos os traballadores no tempo que media entre o momento en que son despedidos e o instante en que o xuiz dictamina que o despido é improcedente (supresión dos salarios de tramitación)
- O sistema de protección por desemprego deixa de ser un dereito e concíbese como unha concesión administrativa.
- Utilízanse as prestacións por desemprego como compensación de salarios para determinados colectivos co obxectivo de beneficiar aos empresarios.
- Rómpese o dialogo social, valor esencial da vida democrática.
En Vigo, como en toda Galicia, o do paro é un dos maiores problemas aos que se enfronta a nosa sociedade. A finais de 2001 o número de parados en Vigo e a súa área acadaba a cifra de 27.397 persoas. Só a metade reciben prestacións por desemprego. A reforma do Goberno, en canto de suxerir fórmulas para atender convenientemente este colectivo, propón recortar o seu sistema de protección.
Por todo isto, a Xunta de Voceiros do Concello de Vigo solicítalle ao Goberno español a retirada do proxecto de “Medidas de reforma da protección por desemprego e da Lei Básica de Emprego” e reclamamos a continuación dun proceso de negociación cos axentes sociais e as Comunidades Autónomas que permita ao estado español converxer en termos de emprego e protección social coa media da Unión Europea.