Escoitar

A Comisión de Goberno aproba a humanización de Progreso e do contorno da Alameda

luns, 27 mai 2002
O Goberno municipal decidiu hoxe continuar co proceso de humanización de rúas da cidade abordando os proxectos de mellora da rúa Progreso e do contorno da praza de Compostela. O primeiro dos proxectos pretende darlle continuidade ao proceso de peonalización do contorno do Museo de Arte Contemporánea. O segundo tenta ampliar ata a Alameda o espacio peonal creado na área de Montero Ríos.

A Comisión de Goberno acordou destinar unha partida de 411.614 euros á execución dos traballos de humanización da rúa do Progreso, no treito comprendido entre María Berdiales e Doutor Cadaval. Vaise convocar un concurso para contratar esta obra, que consistirá na ampliación das beirarrúas ata os catro metros de ancho deixando unha calzada de tres metros, na instalación dun novo alumeado público e na renovación da rede de servicios (sumidoiros, recollida de pluviais…). O novo pavimento da rúa será de pedra, colocaranse bancos de madeira e arborado e crearanse zonas de carga e descarga e espacios para a colocación dos colectores de lixo.

No caso da humanización do contorno da Alameda, a Comisión e Goberno principiou a tramitación do expediente para contratar por 30.000 euros unha asistencia técnica que se encargará de redactar o proxecto de obra.


Pavimentado de estradas

A Comisión de Goberno comezou o proceso de contratación, polo sistema de poxa, das obras de pavimentado de varias estradas do municipio: a Baixada á praia de Saians (57.254 euros de presuposto), o camiño de Macal, en Castrelos (38.284 euros) e a rúa Mantelas (31.643 euros).