Escoitar

O Concello e a Entidade Local colaborarán na mellora do alumeado de Bembrive

luns, 13 mai 2002
A Comisión de Goberno do Concello de Vigo aprobou hoxe un acordo de colaboración coa Entidade Local Menor de Bembrive para mellorar o alumeado público da parroquia. As dúas institucións desenvolverán conxuntamente un plan de modernización da rede de alumeado no que se van investir 129.627 euros.

A actuación prevista consiste no reforzo das liñas eléctricas da parroquia para evitar as caídas de tensión, na substitución de 740 puntos de luz por aparellos máis ecolóxicos, de menor consumo e de maior luminosidade, e na mellora do alumeado en diversas estradas e camiños como o da Cruz, o de Carballal, o da Capela ou a estrada de Bembrive.


Axudas para colectivos xuvenís

A concellería de Xuventude acaba de convocar as subvencións para colectivos xuvenís do municipio de Vigo. Este ano disponse de 6.000 euros para distribuír entre asociacións de carácter xuvenil que estén inscritas no Rexistro Municipal.

As axudas servirán para financiar ata o 50% do custo das actividades organizadas por este tipo de asociacións. Quedan excluídas das subvencións as actividades deportivas, para as que existen outras subvencións da concellería de Deportes.