Escoitar

O alcalde anuncia a mellora do paseo de Samil e novos espazos deportivos no solar que ocupa As Dornas

Abel Caballero estimou que dentro dun mes iniciarase o derrubo de As Dornas, de concesión caducada, onde habilitaranse novas instalacións deportivas, posiblemente de baloncesto. O alcalde anunciou melloras no paseo para o verán e avanzou que está a estudar a posibilidade de instalar xunto ao Verbum o aparcamento provisional de case 500 prazas que está actualmente no aeroporto vigués. O goberno local tamén valora a redefinición dos aparcamentos actuais para gañar prazas en Samil.

xoves, 8 abr 2010
1270731396alcaldesamil.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este xoves melloras no paseo de Samil e a instalación de dotacións deportivas, posiblemente de baloncesto, no solar que actualmente ocupa As Dornas, que comezará a súa demolición nun mes aproximadamente.

Abel Caballero e varios concelleiros municipais visitaron hoxe o areal vigués de cara á "posta a punto" de Samil na etapa estival. O alcalde sinalou que a concesión de As Dornas está rematada, co que tras o seu derrubo o espazo será dedicado ao deporte e zona verde. Dependendo do prazo administrativo, para outubro podería estar rematada a obra.

O alcalde asegurou ademais que no prazo dun mes estará reformado e acondicionado o paseo de Samil, cuns "30 anos sen melloras substanciais", e onde se reporán baldosas danadas e se nivelarán algunhas afundidas. Tamén estudarase a reubicación dalgunhas duchas que, por estar preto do paseo, en ocasións encharcan.

Aparcamento
Abel Caballero informou de que o goberno local está a estudar a posibilidade de instalar nas proximidades do Museo Verbum o aparcadoiro provisional e desmontable que opera actualmente no aeroporto de Vigo.

O alcalde amosou a súa intención de ampliar as prazas de aparcamento en Samil, e esta solución -dunhas 500 pero con algunhas "dificultades"- practicamente duplicaría o número de estacionamentos no areal vigués. Outra opción que baralla o Concello é redefinir o aparcamento, de tal modo que espazos con prazas en liña poidan ser en batería, sempre se o tráfico rodado o asuma.
Descargar todas as imaxes