Escoitar

Xesus López anuncia que o Vigo a Escena 2010 inclúe 98 actuacións de 23 compañías profesionais e afeccionadas

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este xoves a programación correspondente ao Vigo a Escena 2010, que nesta nova edición inclúe 98 representacións de 23 compañías teatrais. Ademais, na presentación, o edil salientou que este ano se integra de forma paralela o circuíto de compañías profesionais e o de compañías afeccionadas, respostando así a unha vella demanda do ámbito teatral.

xoves, 8 abr 2010
1270731236vigoaescena2010.jpg
Xesus López asegurou que o Vigo a Escena 2010 é un "novo chanzo" na andaina dun dos programas dos que a Concellería de Cultura se sinte "máis orgullosa", e que se enmarca no "obxectivo xeral de potenciar a actividade cultural feita polos vigueses e viguesas para os vigueses e as viguesas". Neste sentido, explicou que este programa municipal permite, por unha banda, que o "excelente teatro" que se está a facer en Vigo chegue a toda a cidadanía grazas a súa programación nos barrios e parroquias da cidade.

Asemade, o concelleiro de Cultura salientou que o circuíto teatral tamén permite que os vigueses e viguesas poidan desenvolver as súas habilidades "nun campo tan fermoso como é o teatro". Ao respecto destacou que a edición do 2010 inclúe 13 compañías no circuíto profesional, con seis actuacións cada unha delas, e 10 compañías afeccionadas, con dúas actuacións cada unha. "Son dous circuítos que se manteñen nun mesmo programa de xeito paralelo", sinalou.

No tocante ás compañías afeccionadas o concelleiro do BNG engadíu que foron convidadas a participar na programación deste ano, pero para o Vigo a Escena do vindeiro ano anunciou que se convocará un certame que se celebrará no mes de outubro. Un xurado decidirá a participación das compañías no programa do 2010.

Xesus López tamén fixo referenza aos espazos nos que terán lugar as representacións. Indicou que ademais dos auditorios das asociacións veciñais da cidade, haberá actuacións no Conservatorio Superior de Música, no paraninfo do IES Santa Irene e no auditorio do IES Audiovisual de Bouzas. Convidou, asemade, a asistir ás representacións que terán lugar esta fin de semana. O sábado 10 de abril actuará a compañía David Fernández Rivera na CCA O Rueiro de Coia, Artello Teatro no CC San Miguel de Oia e Títeres en Acción na UVV CD de Candeán. O domingo día 11, a AVV Emilio Crespo de Navia acollerá a actuación da compañía Escoitade.

O concelleiro de Cultura felicitou ao director do programa, Xerome Calero, polo seu traballo e por ser a persoa que o puxo en marcha. "Vigo a Escena da un paso histórico coa incorporación dunha vellísima reivindicación das compañías afeccionadas", destacou o director da programación, en relación á incorporación dos grupos afeccionados. No tocante aos espectáculos que se presentan afirmou que son variados nos dous circuítos, pero nos que sobre todo predomina o humor.

Xerome Calero salientou a incorporación de diferentes compañías no circuíto profesional para o público adulto, como David Fernández Rivera, cun teatro "máis poético e innovador" e o Teatro Avento. Dirixido ao público familiar tamén houbo incorporacións, como son as compañías Maracatú e Limiar. Respecto ás compañías afeccionadas comentou expresamente a incorporación da Escola Municipal de Teatro, que considerou que era "necesaria" tendo a Escola en Vigo, e a Fundación Igualarte, polos seus "traballos preciosos" que presentan con persoas con discapacidade.
Descargar todas as imaxes

Máis información