Escoitar

Santi Domínguez avanza que a reconstrución do edificio do Centro Galego de Fotografía comezará en maio

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, avanzou este martes que a reconstrución do edificio que albergará o novo Centro Galego de Fotografía comezará no vindeiro mes de maio, de xeito que podería abrir no primeiro trimestre de 2011. O concelleiro anunciouno na visita que realizou ao inicio das obras de demolición do inmoble, ubicado na rúa Chao, e que segundo apuntou non será unha "demolición masiva", co obxectivo de reutilizar a pedra ben conservada na reconstrución desta nova dotación cultural.

martes, 16 mar 2010
1268747134centrofotografico.jpg
"O Centro Galego de Fotografía seguirá completando a oferta museística municipal, tal e como o BNG se ten empeñado dende o inicio do mandato", destacou Santi Domínguez no inicio dos traballos previos da construción do centro, ao que tamén asistiron os concelleiros de Cultura, Xesus López, e Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez.

O tenente de alcalde explicou que nunha primeira fase da demolición se procederá ao baleirado do interior dos inmobles e á desmontaxe dunha parte da fachada da rúa Chao, que será recuperada na reconstrución. Tras esta fase iniciarase o proxecto arqueolóxico. Este traballo implica a realización de catas arqueolóxicas "para comprobar se hai restos que merezan tratamento", indicou.

Respecto ao investimento, Santi Domínguez indicou que o proxecto se vai a financiar con cargo aos orzamentos do Estado, "grazas a unha emenda presentada polo BNG" dun millón de euros. Asemade, o tenente de alcalde lembrou que o novo centro albergará a colección do Arquivo Pacheco, o Arquivo Ksado recentemente adquirido, así como os fondos das diferentes Fotobienais celebradas en Vigo. "Por fin o arquivo fotográfico de Vigo vai poder ser visualizado", manifestou o tenente de alcalde.

O Centro Galego de Fotografía contará con salas de exposicións, fototeca, un pequeno audotorio e zonas administrativas. Neste sentido, Santi Domínguez engadiu que tamén se reservarán 200 metros cadrados para habilitar unha zona adicada á restauración e documentación dos fondos pictóricos e escultóricos da pinacoteca da cidade.

Segundo apuntou o tenente de acalde, o prazo de execución das obras é de 8 ou 9 meses aproximadamente, polo que o centro podería abrir no primeiro trimestre de 2011. "Nesta lexislatura configurarase a gran oferta cultural da cidade, que ata agora estaba practicamente agochada", salientou.
Descargar todas as imaxes