Escoitar

Abel Caballero salienta que "en torno a 350 xovenes de Vigo van estudar idiomas ao estranxeiro becados polo Concello"

O alcalde de Vigo asegurou que a intención do goberno local que preside pasa porque todos os escolares poidan estudar un mes no estranxeiro, polo que este ano 2010 duplícase a oferta de becas para alumnos de colexios públicos e concertados. Este verán, 250 alumnos viaxarán a Inglaterra e Irlanda -e estase a estudar a posibilidade de Canadá-, ademais de sobre 100 estudantes da Escola Oficial de Idiomas sufragados polo Concello.

luns, 15 mar 2010
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, subliñou este luns que "en torno a 350 xovenes de Vigo van estudar idiomas no estranxeiro becados polo Concello", 250 alumnos dos colexios públicos e concertados da cidade e sobre 100 dos mellores expedientes académicos da Escola Oficial de Idiomas.

Así o asegurou o alcalde despois de que a Xunta de Goberno Local aprobase hoxe luns as bases das becas da Concellería de Educación para estudar en inglés este verán en Inglaterra e Irlanda -e non se desbota a posibilidade de Canadá-. Segundo apuntou Caballero, este 2010 o Concello concederá 250 bolsas de estudos, o dobre que en 2009, que sufragan por compreto a estancia dos escolares. Os estudantes dos colexios públicos terán preferencia sobre os dos concertados, sempre que cumpran os requisitos mínimos esixidos polo Concello.

Para estas 250 bolsas a alumnos dos colexios de Vigo, o Concello destinará 600.000 euros, polos 300.000 do pasado 2009, partida pertencente ao departamento municipal de Educación. A Concellería que dirixe a socialista Laura López Atrio aumentou os seus orzamentos este ano, pasando de 8,4 millóns aos 9,6 millóns de 2010. "Entendemos o importante que é a educación", concluíu Caballero.

As bolsas de estudos nos colexios complementaranse este 2010 coas preto de 100 máis que o Concello sufragará aos mellores expedientes da Escola Oficial de Idiomas. O alcalde recordou que o pasado ano xa viaxaron 20 alumnos da EOI, de inglés e francés, pero este ano destinaranse 100.000 euros para estudantes de inglés, francés, alemán e italiano.

Lanzadeiras
Relacionado coa educación, o alcalde deu conta asemade da subvención aprobada hoxe polo goberno local dos custos de desprazamento "a prezo asequible" dos universitarios do centro de Vigo ao campus de Lagoas-Marcosende, lanzadeiras nas que o Concello investirá este 2010 un total de 1.050.000 euros.