Escoitar

A Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo presenta os resultados do proxecto e-m@iv de administración electrónica

A Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo (MAIV) aposta pola modernización administrativa dos concellos que a compoñen coa posta en marcha do proxecto E-M@IV. O proxecto supuxo unha inversión de 606.053 euros e estivo financiado ao 70% polo Plan Avanza do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

luns, 15 mar 2010
1268661573P3150003.JPG
A Área Intermunicipal de Vigo puxo en marcha este proxecto co obxectivo de modernizar os procesos administrativos dos concellos e achegar a administración aos cidadáns facilitándolles a súa interacción coas administracións locais. Trátase de dotar os concellos das ferramentas informáticas necesarias para axilizar os elementos máis complicados da xestión municipal. No momento en que os concellos teñan en pleno funcionamento a plataforma de xestión instalada poderán facilitar a realización de trámites que se facían fisicamente e que poderán facerse electronicamente.

Así, a través deste proxecto a Mancomunidade dotou de plataformas de tramitación electrónica a catro concellos da Mancomunidade que aínda non dispoñían desta, contratou o desenvolvemento de 242 procedementos de tramitación interna e externa para a plataforma CIVIDAS, coa que contan nove concellos da Mancomunidade, e pasarelas entre os diferentes servizos e programas de contabilidade dos concellos, entre outros.

Deste xeito a MAIV favorece o cumprimento aos requisitos expostos na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Os cidadáns poderán realizar os trámites municipais por internet

Con este proxecto a MAIV apoia a adaptación dos procedementos administrativos á administración electrónica e facilita os medios técnicos necesarios para facer efectivo o dereito dos cidadáns da Área Intermunicipal de Vigo a relacionarse coas administracións por medios electrónicos.

Unha vez rematado o proxecto, coa futura posta en marcha de portais do cidadán polos concellos, os cidadáns poderán realizar un amplo número de trámites e procedementos coa administración local por internet con plena validez e en plenas condicións de seguridade xurídica.

O proxecto E-M@iv crea as condicións para que no momento en que os concellos poñan en funcionamento o portal do cidadán, os cidadáns poidan realizar ata 242 procedementos como darse de alta ou de baixa no padrón municipal, solicitar subvencións ou axudas económicas, pagar recibos coma o imposto de circulación ou de recollida de lixo, acceder a bolsa de emprego municipal, participar en programas de ocio ou deportivos, …

Vigo, xunto con Barcelona, o municipio máis avanzado a nivel nacional

O Concello de Vigo constitúe un referente nacional en canto a modernización administrativa. Froito da súa aposta continua pola e-Administración, no ano 2005 este concello foi recoñecido, xunto co de Barcelona, como o mais avanzado na prestación de servizos telemáticos.

Dende o ano 2000, Vigo dispón dun amplo abano de procedementos informatizados, moitos deles con posibilidade de tramitación telemática. No proxecto E-M@IV, pártese da experiencia de Vigo para apoiar a modernización dos concellos da área mancomunada. Vigo transfire coñecemento e experiencia e pon a disposición do resto de municipios participantes (Nigrán, Baiona, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Mos, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Soutomaior) os elementos técnicos necesarios para a implementación de ditos procedementos.
Descargar todas as imaxes