Escoitar

Xabier Alonso anuncia que o XI Trofeo Cidade de Vigo de Mountain Bike incorpora unha pedalada popular

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, destacou hoxe que o XI Trofeo Cidade de Vigo de Mountain Bike, que terá lugar esta fin de semana, inclúe como novidade a celebración dunha pedalada popular. Na presentacion da proba, o edil salientou a espectacularidade do descenso, no monte Fragoselo de Coruxo, polo que asegurou que "Vigo é todo un reto para os afeccionados a este deporte".

luns, 15 mar 2010
1268659716mountainbike.jpg
Segundo Xabier Alonso, o Trofeo Cidade de Vigo de Mountain Bike, que se celebrará o domingo 21 de marzo de 11.30 a 13.30 horas, conta xa cunha gran relevancia internacional, e nel teñen participado os mellores especialistas deste deporte. Pero na súa intervención fixo especial referenza á celebración da pedalada popular, que terá lugar o sábado dende ás 9.30 horas e na que poderán participar "non só os especialistas, senón calquera persoa que quera disfrutar dun día en bicicleta polos montes de Coruxo".

O concelleiro de Deportes, asemade, expresou os seus parabéns a Guillermo Janeiro, pola "impecable organización" da proba. Os adestramentos, pola súa banda, están previstos para o venres de 9 a 18.30 horas; o sábado de 9 a 13 horas e de 14.30 a 15.30 e o domingo de 9 a 10.30 horas.

Dende a organización, Guillermo Janeiro, afirmou que como en edicións anteriores, no monte de Fragoselo se darán cita os mellores deportistas de mountain bike, xa que se trata dun circuito "esixente e de máximo nivel". Finalmente, agradeceu a Xabier Alonso o apoio que presta o Concello de Vigo para celebrar o campionato.
Descargar todas as imaxes