Escoitar

O Concello aprobou a licitación de proxectos por valor de 16 millóns de euros do "Plan E" para 2010

Nunha Xunta de Goberno Local celebrada o pasado 11 de marzo, o Concello deu o seu visto bo a proxectos por valor de 16,1 millóns de euros, con cargo ao novo Plan E para 2010. Segundo explicou o alcalde, as licitacións inclúen doce humanizacións de rúas como López Mora e Pi y Margall, cun investimento de 12,6 millóns, e outros nove proxectos como a construción dun parque polideportivo en Barreiro e a renovación do entorno da Colexiata. As obras iniciaranse antes do verán.

luns, 15 mar 2010
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou hoxe luns da saída a licitación de 21 proxectos para a cidade por valor de 16,1 millóns de euros, financiados con cargo ao novo Plan E do Goberno de España para 2010.

Segundo explicou Caballero, a Xunta de Goberno Local do pasado mércores, 11 de marzo, validou un total de 12 humanizacións de rúas, que suman 12,6 millóns de investimento. Estas serán Tomás Alonso (1.234.000 euros), Bolivia e Padre don Rúa (1.730.000 euros), López Mora (3.572.000 euros), Celso Emilio Ferreiro -que inclúe a construción dunha rotonda na confluencia con Venezuela e o acceso ao Concello- (775.000 euros), Santo Domingo, Condesa Casa Bárcena e San Salvador (1.412.000 euros), Pi y Margall (3.111.000 euros) e Doutor Cadaval, Lugo e Perú (832.000 euros).

Xunto a mellora destas rúas, e tamén dentro dos proxectos vigueses presentados ao Fondo Estatal, o Concello deu luz verde á eliminación de barreiras arquitectónicas en dependencias municipais (200.000 euros), á renovación das instalacións do campo de fútbol de Santa Mariña (354.000 euros), melloras na piscina de As Travesas (203.000 euros), á construcción dun parqeu polideportivo en Barreiro (1.133.000 euros), á remodelación do entorno da Colexiata (736.000 euros), á rehabilitación do entorno do Cruceiro Vello de Bouzas (205.000 euros), á mellora da contorna da praza Diego Santos (284.000 euros), do entorno da Subida ao Castelo (223.000 euros) e á creación de áreas etnoarqueolóxicas en Candeán, Zamáns e Saiáns (130.000 euros).

Abel Caballero indicou que os proxectos presentados polo Concello ao novo Plan E do Goberno de España -que ascenden a 16,1 millóns de euros- levan unha "tramitación por vía abreviada" co que "antes do verán" iniciaranse os traballos.