Escoitar

O tenente de alcalde anuncia un plan de rehabilitación das fachadas do Berbés con axudas municipais aos propietarios<br />

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, presentaron este mércores o primeiro proxecto do Concello de Vigo para rehabilitar a fachada marítima do Berbés, que inclúe actuacións en 48 inmobles. Os conclleiros salientaron tamén que o plan pon á disposición dos propietarios unha liña de axudas para facer fronte ás obras.

mércores, 3 mar 2010
1267623800facahadasberbes.jpg
"Na nosa aposta pola recuperación do Casco Vello presentamos unha iniciativa novidosa, destinada exclusivamente ao Berbés, que é un referente claro da nosa cidade", salientou Santi Domínguez. Na súa intervención asegurou que no marco das actuacións que se están levando a cabo na recuperación do barrio histórico de Vigo, o Berbés "merece un tratamento singular".

O tenente de acalde explicou que por primeira vez o Concello de Vigo pon a disposición dos propietarios un estudo individualizado para cada edificación, encargado pola Tenencia de Alcaldía. Indicou que o estudo inclúe fichas de cada edificio que indican cales son as obras que hai que acometer en cada un deles e como. "O obxectivo do proxecto é a harmonización de todo o contorno", dixo.

Santi Domínguez destacou que o proxecto tamén pon a disposición dos propietarios dos inmobles unha liña de axudas, incluída nos orzamentos deste ano, que ascende a 120.000 euros. Ao respecto, afirmou que estas axudas son compatibles con calquera subvención que ten por obxectivo a rehabilitación de edificios no Casco Vello, como as que convoca a Oficina de Rehabilitación ou o Consorcio.

No tocante aos edificios aos que vai destinado o proxecto, explicou que abrangue todos os que dan á fachada marítima, como son o número 69 de Teófilo Llorente, os números 47, 49, 50, 51, 52, 53 e 54 da rúa Real, do 1 ao 47 na Ribeira do Berbés e os números impares do 17 ao 57 da rúa San Francisco. En total son 48 inmobles que ocupan unha superficie de actuación aproximada de 6.360 metros cadrados.

Respecto ás actuacións contempladas no estudo, o tenente de alcalde manifestou que fundamentalmente tratan de manter as fachadas e cubertas en axeitadas condicións estruturais e de ornato. Santi Domínguez indicou que seguen criterios estéticos para homoxeneizar a imaxe e recuperar o ambiente e tipoloxía tradicional de ribeira. Ademais, tamén se inclúe a limpeza de fachadas e tellados, a elliminación de elementos que non son acordes co contorno, así como a substitución de carpinterías de aluminio ou metálicas por outras de madeira, a liminación de peches metálicas e peches de plástico, tendedeiros, antenas e cartelerías.

Neste sentido, e en resposta aos medios, o concelleiro de Patrimonio Histórico, engadíu que os criterios de actuación teñen como referenza o Plan Especial de Reforma Interior do Casco Vello, polo que asegurou que son "pouco discutibles porque están recollidas na lei" e se trata dunha zona catalogada como Ben de Interese Cultural (BIC).

Santi Domínguez aclarou que quedan fóra do plan os inmobles que carecen de fachadas, e en concreto citou os números 11, 13 e 15, porque está en tramitación a súa reconstrución por iniciativa privada, e os números 29-31, que ten que ser reconstruído na súa totalidade. Sinalou que para estes edificios proporase a colocación dunha lona, ata que se inicie o proceso de recontrución.

No tocante aos gastos que supoñen as obras, o tenente de alcalde informou de que o custe total do programa nos 48 edificos é de 1,2 millóns de euros. Indicou que as fichas de cada edificio recollen propostas de actuación que oscilan entre os 4.510 e os 77.362 euros. "As subvencións serán baremadas en proporción ao custe das actuacións", sinalou.

En resposta aos medios sobre o prazo para solicitar as axudas, Eudosio Álvarez indicou que en primeiro lugar os orzamentos teñen que estar aprobados definitivamente e elaborada a ordenanza correspondente. Así, estimou que a partir do mes de abril os propietarios xa poderán solicitalas.

Finalmente, respecto ao prazo de execución das obras, o concelleiro de Patrimonio Histórico explicou que será similar ás axudas que se convocan para Bouzas, de xeito que se deberían realizar neste ano. "A maioría das obras non conlevan un prazo de execución superior aos catro ou cinco meses", asegurou.
Descargar todas as imaxes