Escoitar

Santi Domínguez presenta a visita de Os Bolechas a Vigo e un puzzle das Cíes como instrumentos de promoción da cidade

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este martes un novo título da colección Os Bolechas van de viaxe centrado na súa visita a Vigo e un puzzle das illas Cíes como instrumentos de promoción da cidade. Santi Domínguez salientou que con estas iniciativas se quere "achegar aos nenos e nenas a nosa cidade levándoos de viaxe".

martes, 2 feb 2010
1265117969puzzle.JPG
"Como concelleiro de Turismo espero que os 300.000 vigueses e viguesas sexamos axentes turísticos", manifestou Santi Domínguez na presentación do novo material dirixido aos máis novos, e na que tamén participaron o director de promocións de Edicións A Nosa Terra, Pepe Puga, e o autor de Os Bolechas, Pepe Carreiro. O tenente de alcalde salientou que para poder vender a nosa cidade "temos que empezar por coñecela e que nos guste, porque dificilmente seremos capaces de vender algo que non nos convenza", polo que a obra propón un percorrido por diferentes lugares de interese de Vigo.

Santi Domínguez explicou que a idea de publicar un libro no que Os Bolechas visitan Vigo e un puzzle sobre as illas Cíes xurdíu na Concellería de Turismo para que os máis pequenos "coñezan a súa cidade e o seu contorno". Neste sentido, o tenente de alcalde sinalou que do libro editáronse 3.000 exemplares, "que serán repartidos entre os nenos e nenas da cidade e os que nos visiten", xa que tamén se distribuirán nas oficinas de Turismo. Respecto ao puzzle indicou que son 1.000 os exemplares ditados. Nos dous casos avanzou que poderán ser reeditados en función das necesidades, para o cal poderán publicarse en diferentes idiomas.

O director de promocións de A Nosa Terra, Pepe Puga, expresou o seu agradecemento a Santi Domínguez, "pola posibilidade real de facer unha viaxe pola nosa cidade". Sinalou que este libro, que fai o número 40 da serie Os Bolechas van de viaxe, da a coñecer diversos puntos de Vigo en forma de roteiro. No tocante á edición do puzzle por parte de A Nosa Terra, manifestou que amosa a "falta de interés das empresas de fóra por facer este tipo de materiais tomando como referenza os monumentos galegos".

O autor de Os Bolechas, Pepe Carreiro, explicou que nesta ocasión estes irmáns visitan Vigo por mor do aniversario dunha amiga, dando lugar a unha aventura "que trata de ser divertida". Indicou que esta colección é unha axeitada ferramenta de promoción da cidade xa que "moitas veces acontece que os nenos queren visitar os lugares que aparecen reflexados nos libros". Lembrou, finalmente, que non é a primeira vez que Os Bolechas visitan Vigo, xa que anteriormente tiveron ocasión de facelo coa celebración da Reconquista.
Descargar todas as imaxes