Escoitar

O alcalde anuncia máis proxectos de mellora do Berbés na inauguración da nova praza

venres, 12 abr 2002
imx1291.jpg
Remodelación do Berbés
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, anunciou que o Concello está a tramitar varios proxectos de rehabilitación de edificios da ribeira do Berbés. Fíxoo durante o acto de inauguración da nova praza deste lugar emblemático da cidade.

Son tres os edificios que se van rehabilitar con axudas municipais, os que contan cos soportais máis antigos da ribeira. O Concello xa colaborou na rehabilitación doutros dous inmobles da zona, os correspondentes aos números 39 e 33.

O alcalde vigués enmarcou a remodelación da praza do Berbés no proceso de recuperación de espacios públicos que está en marcha en Vigo dende hai varios anos. Castrillo explicou que este proceso, sen precedentes na cidade, consiste na recuperación do patrimonio histórico e cultural e na reconquista para os cidadáns dos espacios que se perderon a causa dun crecemento desordenado no que se primou aos vehículos sobre os peóns.

Castrillo afirmou que “se rescatou para uso cidadá un espacio público que presentaba un crecente proceso de degradación. A praza do Berbés volve ser lugar de encontro e de lecer para os vigueses e viguesas e ademáis recuperamos o atractivo turístico dunha zona que foi o berce da nosa cidade”.

O alcalde lembrou que non só se acondicionou a praza senón que o Concello tamén mellorou os seus arredores renovando todo o contorno do convento de S. Francisco. Tamén salientou Castrillo a apertura do aparcadoiro público baixo a praza, que prestará servicio aos residentes e aos establecementos comerciais e de hostelería do barrio histórico. O rexedor municipal subliñou que o aparcamento é un apoio necesario ao programa de peonalización do barrio, xa que incrementa a oferta de prazas de estacionamento no contorno facilitando a accesibilidade.

Descargar todas as imaxes