Escoitar

A Casa das Artes acolle a mostra ”2.000 razóns para marchar” con fotografías do movemento feminista

xoves, 11 abr 2002
imx1283.jpg
Imaxe da mostra
A exposición da Marcha Mundial das Mulleres ”2.000 razóns para marchar” consta de máis de 90 fotografías que pretenden facer visible un movemento plural que quere cambiar o mundo. A mostra poderase ver ata o 25 de abril na Casa das Artes.

As imaxes, a cotío invisibles nos medios de comunicación, pretenden recoller as reivindicacións, loitas, presencia nas rúas de Galiza, Bruxelas, Washington ou Nova Iorque.

”Non estamos todas, non se recollen todos os actos e manifestacións que ao longo destes dous anos vimos desenvolvendo desde a Marcha Mundial das Mulleres, pero son unha boa mostra da alegría, do inxenio, da pluralidade e da universalidade do movemento de mulleres”, explica unha das organizadoras.

”Por unha vez as mulleres somos as protagonistas activas, dunha forma absoluta, individual e colectivamente”, asegura.

Con esta exposición queren compartir con todas as mulleres e con toda a cidadanía de Vigo, as reivindicacións, a vontade de cambiar o mundo, e queren facelo desde a alegría e a coraxe que dá compartir con millóns de mulleres os seus soños.

Marcha Mundial de Mulleres

Por iniciativa da Federación de Mulleres de Québec, máis de 3500 organizacións de todo o mundo constitúen a marcha mundial das mulleres con dous obxectivos comúns: a loita contra a pobreza e a violencia de xénero.

As actividades comúns en todo o planeta foron:

-Concentración de mulleres en Bruxelas (o 14 de outubro do ano 2000)
-Recollida de sinaturas e tarxetas de adhesión cos obxectivos da marcha que foron presentadas ao Secretario Xeral da ONU.
-Concentración de mulleres en Washington (o día 15 de outubro) diante das sedes do Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional e entrevistas con dirixentes destes dous organismos.
-Concentración de mulleres en Nova Iorque (o 17 de outubro), diante da sede das Nacións Unidas, e entrevista cun representante de Kofi Annan.

En Galicia esta iniciativa concretouse na Coordenadora Nacional Galega da Marcha Mundial de Mulleres, conformada por máis de 36 organizacións, cada unha delas co seu campo de acción e cos seus obxectivos particulares pero que uniron o seu esforzo e inxenio para trasladar ao conxunto da sociedade as suas lexítimas reivindicacións.

Entre outras actividades a máis chamativa e novedosa foi a nosa participación na manifestación realizada en Bruxelas que contou cunha amplísima representación galega.

A Marcha Mundial de Mulleres é unha acción cidadá de millóns de mulleres que:

-DENUNCIA a pobreza e todas as manifestacións de violencia contra as mulleres.

-ESIXE cambios verdadeiros:
1. A riqueza compartida por igual e a defensa dos dereitos laborais e outros medios de subsistencia das mulleres.
2. O respecto pola integridade física e mental das mulleres.
3. A defensa dos dereitos sexuais, de saúde e reproductivos.
4. O remate de todo tipo de discriminación.

-INTERPELA ao poder político para obter ¡xa! accións concretas en lugar de palabras baleiras.
Pretenden que a súa voz, xunto a de todas as mulleres, se escoite en todas partes, coas reivindicacións e proxectos dun mundo máis xusto e en igualdade.

Descargar todas as imaxes