Escoitar

O Concello reduce á metade o número de vivendas previstas en Barreiro

xoves, 11 abr 2002
O Goberno municipal decidiu reducir o número de vivendas que tiña previsto construír no antigo recinto militar de Barreiro. A decisión é o resultado dun compromiso adquirido polo alcalde cos representantes veciñais de Lavadores, partidarios de ubicar o menor número de edificios posible no contorno do futuro parque de Barreiro.

A superficie destinada a vivendas pasará así dos 27.000 metros cadrados incluídos inicialmente no Plan Especial a só 12.000. O Goberno municipal estima que con estas edificacións, que albergarían aproximadamente 100 vivendas, pode abondar para proporcionarlle vitalidade á zona verde e ao complexo dotacional de Barreiro.


Aprobada a urbanización doutra rúa no Calvario

O Consello da Xerencia de Urbanismo aprobou o proxecto de urbanización da rúa Vizcaya, no treito comprendido entre as rúas Aragón e Extremadura.

O novo vial, situado na parte posterior do antigo edificio Bandeira, contará con beirarrúas de dous metros de ancho e unha calzada de 3,5 m. Ademais instalarase saneamento, alumeado público e soterraranse todos os servicios. O presuposto da obra é de 56.002 euros.

O Concello require a conclusión das obras de urbanización do Peri II-12 A Florida B

O Concello vaille enviar un requirimento á Xunta de Compensación do Peri II-12 A Florida B para que remate as obras de urbanización deste ámbito urbanístico. Concretamente, o Concello esixe que se acondicione unha parcela da rúa Luís Ksado na que actualmente se amorean os restos dunha antiga edificación. A Administración municipal desaloxou hai meses aos ocupantes desa parcela e agora reclama que a Xunta de Compensación cumpra coa súa obriga de urbanizala.