Escoitar

Inaúgurase un novo Centro Xuvenil na rúa Uruguai

venres, 12 abr 2002
imx1288.jpg
Santiago Domínguez
A Concellería de Xuventude, na liña de dinamización de programas e servicios para a mocidade viguesa, abriu un novo local na rúa Uruguai nº9, concibido como un Centro Xuvenil con servicios gratuítos de información, asesoramento e internet.

Coa apertura deste local preténdese fomentar a participación dos mozos vigueses ofrecéndolles un novo marco de colaboración e de intercambio entre o Concello e os colectivos xuvenís. Facilítanselles tamén novos recursos e espacios para informárense e encontrarse con outros rapaces.

Neste centro haberá dous espacios de cesión temporal nos que os colectivos xuvenís poderán desenvolver as súas actividades, reunións e intercambios que favorecerán o fortalecemento do tecido asociativo xuvenil da cidade. Santiago Domínguez destacou que, deste xeito, mozos da cidade poderán constituírense en asociación ao vencer o obstáculo da falta de espacio para reunírense.

Este centro nace coa pretensión de descentralizar a información e recursos destinados á xuventude abrindo un novo espacio no centro da cidade, idea que se complementará coa oferta de servicios no campus universitario e nos centros de ensino.


Servicios ofertados

+ Punto de Información Xuvenil. Un servicio de información xuvenil no que se informará, asesorará e orientará sobre todos aqueles temas de interese xuvenil. Facilitará documentación, fondo de revistas, información sobre emprego, turismo, convocatorias, bolsas e axudas para conseguir unha función adaptada ao interese particular de cada mozo.

+ Servicio gratuíto de acceso a internet. Haberá un servicio de acceso gratuíto a internet que se completará cun directorio de webs de interese para consultar. Os usuarios deberán facer un carné gratuíto e poderán utilizalo sempre que queiran dentro do horario do Centro Xuvenil. Máis de 600 mozos vigueses dispoñen xa deste carné e son usuarios habituais de internet na Casa da Xuventude e no Cibercastro.

+ Locais para colectivos xuvenís. Cederanse aos colectivos que o soliciten dous espacios para as súas actividades. Preténdense dar recursos aos colectivos xuvenís da cidade dándolles espacios de reunión, intercambio e de relación.

Dous técnicos municipais atenderán inicialmente este Centro Xuvenil os luns, mércores e venres de 18:00 a 21:00 horas. En función da demanda, adecuarase este horario ás necesidades dos usuarios, como se realizou noutros espacios municipais. Santiago Domínguez destacou que desde a ampliación dos horarios da Casa da Xuventude aumentáronse as visitas nun 20%.

Descargar todas as imaxes