Escoitar

Iolanda Veloso presenta as xornadas "Deliberadamente formadas", sobre os usos non sexistas da lingua e o aborto

A concelleira de Igualdade, presentou este venres as xornadas "Deliberadamente formadas", que se celebrarán na Casa das Mulleres e se enmarcan no programa de actos organizados arredor do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. No acto, a edil nacionalista explicou que os usos non sexistas da lingua e o aborto serán os dous temas centrais das xornadas, que son de inscrición gratuita no enderezi electrónico mngvigo@hotmail.com e de prazas limitadas até compretar aforo.

venres, 13 nov 2009
1258119137mulleres.jpg
"Aínda que a loita polos dereitos das mulleres ten que desenvolverse os 365 días do ano, é importante organizar xornadas de formación e información dende unha perspectiva de xénero", salientou a concelleira de Igualdade. A proposta está organizada polo colectivo de Mulleres Nacionalistas Galegas, cuxas representantes Paula Ríos e Luisa Ocampo tamén participaron na presentación.

A sociolingüista Paula Ríos sinalou que a xornada sobre usos non sexistas da lingua terá lugar os días 17, 18 e 19 de novembro, de 19 a 20.30 horas. Segundo explicou, as linguas parten da máxima de que o que non se nomea non existe, "polo que se as mulleres non se nomean, e que non existen". Neste sentido destacou a necesidade de "mudar as linguas igual que mudan as sociedades", de xeito que se fagan visibles "todas as persoas que as integran, incluídas as mulleres".

O segundo obradoiro tratará o aborto dende unha perspectiva de xénero, e se celebrará o día 27 de novembro ás 19 horas. Nel participará o xefe de servizo de Ginecoloxía do Complexo Hospitalario de Ourense, José Luis Doval, e a avogada e feminista Doris Benegas. Abordarán as dificultades que se atopan as mulleres á hora de exercer un dereito como é o aborto e as posibles melloras do sistema.

A representante de Mulleres Nacionalistas Galegas, Luisa Ocampo agradeceu á Concellería de Igualdade a colaboración coas organizacións feministas "porque resulta fundamental contribuír á visibilización das mulleres". Destacou asemade a relevancia de desenvolver as xornadas na Casa das Mulleres, "unha reivindicación histórica que se abriu cunha concelleira nacionalista como Ana Gandón", subliñou.
Descargar todas as imaxes