Escoitar

O tenente de alcalde inaugura a rúa Santiago e sinala que o 50% do Casco Vello está recuperado para a cidadanía

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, inaugurou hoxe a reforma da rúa Santiago, salientando que este vial era dos máis degradados do barrio e non estaba servindo á efectiva unión entre a parte alta do Casco Vello e o espazo aberto que é o Paseo de Alfonso. O concelleiro asegurou que este é un paso máis na reconquista do Casco Vello e sinalou que aproximadamente o cincuenta por ciento do Casco Vello xa está remodelado e "recuperado para a cidadanía".

xoves, 12 nov 2009
1258033727ruasantiago.jpg
"Hoxe podemos comprobar que a rúa Santiago está xa reconquistada, porque os veciños e veciñas xa poden transitar por ela", destacou o tenente de alcalde. Ao respecto, explicou que a reforma abarcou 940 metros cadrados e contou cun investimento de 385.000 euros para facer unha "completa renovación estrutural e a mellora do que non se ve". Incorporáronse servizos públicos esenciais, como os relacionados co subministro de auga coa instalación dunha rede separada de colectores para augas pluviais e residuais, respectivamente.

Santi Domínguez salientou tamén que, tras a reforma acometida, a rede de gas chegará a todas as vivendas da rúa e se fixo unha "axeitada distribución das bocas de rego e incendio". Respecto ao alumeado público, instaláronse novas luminarias, que supoñen un aforro enerxético do 50% alumeando o dobre das anteriores. "Proporcionan unha configuración moi especial á rúa", sinalou ao respecto. Finalmente, renovouse a totalidade do pavimento, que segundo afirmou, "favorecerá que o Casco Vello sexa fundamentalmente para o disfrute dos peóns".

Ante diversos integrantes da corporación municipal e representantes das asociacións veciñais e comerciais, o tenente de alcalde manifestou que a recuperación do Casco Vello é o "compromiso do BNG, do goberno local e meu persoal". Destacou asemade que o traballo non vai parar ata que a recuperación non estea ao 100%, porque a aposta polo Casco Vello é unha peza fundamental na "recuperación da nosa historia como cidade".


Descargar todas as imaxes