Escoitar

O tenente de alcalde destaca que o Foro de Inmigración amosa o interese por facer de Vigo unha cidade acolledora

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, salientou este venres que a celebración do segundo Foro de Inmigración amosa que hai homes e mulleres que teñen sensibilidade para tentar que Vigo sexa unha cidade acolledora. Na inaguración deste Foro, na que tamén participou a concelleira de Benestar Social, María Méndez, o nacionalista destacou o traballo que está desenvolvendo esta concellería e o seu equipo, que se plasma na elaboración do primerio Plan de Integración Social, Convivencia Intercultural e Cidadanía.

venres, 13 nov 2009
1258119076Migracion.jpg
Santi Domínguez afirmou que, na configuración dunha cidade, ademais dos aspectos urbanísticos ou empresariais, hai un elemento fundamental, que é a xente, "os homes e as mulleres que viven nela". Ao respecto sinalou que precisamente é a xente "a que fai que unha cidade se transforme e medre" e asegurou que é preciso superar a perspectiva egoísta que critica o traballo que se fai para que as persoas que cheguen de fora gocen dos servizos da nosa cidade.

"Quero reivindicar a poesía como forma de traballo para seguir crendo en valores e para que non haxa ningunha persoa que sexa excluida polo seu lugar de procedencia, raza ou xénero", manifestou o tenente de alcalde. Asemade, agradeceu aos asistentes a súa participación no Foro e salientou a importancia do apoio entre as distintas administracións.

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, destacou que a aposta por que Vigo sexa unha cidade "de acollida e multicultural" tense materializado no incremento dos recursos municipais, en concreto da Oficina Municipal de Inmigración, a convocatoria do Consello Municipal de Inmigración, o servizo de mediación intercultural, e sobre todo, a elaboración do Plan de Inmigración, que será presentado ao longo da xornada de hoxe no Foro. "Queremos facer realidade a interculturalidade e a convivencia", subliñou. Ao seu xuízo, na interrelación das distintas administracións e na transversalidade coas diferentes concellerías "está o éxito destas iniciativas".

Neste sentido, o vicedirector de Retorno e Inmigración da Xunta, felicitou as iniciativas do Concello de Vigo neste eido "como instrumento de colaboración entre as distintas administracións". Afirmou que é fundamental a creación dos planes locais de inmigración e que o Concello de Vigo "é o primeiro que planteou dunha forma seria o Plan de Inmigración".
Descargar todas as imaxes