Escoitar

Santi Domínguez presenta a brigada de intervención rápida que atenderá o mantemento diario do Casco Vello

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este venres a brigada de mantemento do Casco Vello, que ao seu xuízo supón un "avance importante" no coidado do barrio. Este novo servizo que comezou a operar a semana pasada e está integrado por dous operarios e un técnico, ten por obxectivo segundo Santi Domínguez "atender os pequenos desperfectos que se poden arranxar no día ou ao día seguinte".

venres, 13 nov 2009
1258119041Brigada.jpg
O tenente de alcalde indicou que a posta en marcha deste servizo conta cun investimento ata fin de ano de arredor de 18.000 euros, pero que se ampliará o orzamento correspondente ao vindeiro ano para ampliar a brigada. Asemade, a disposición da brigada está un vehículo, para facilitar o transporte de material necesario para facer os arranxos pertinentes.

"Unha vez que o traballo de rehabilitación do Casco Vello está en plena marcha, e xa con gran parte do barrio recuperado, cremos que é moi importante que esta recuperación non se deteña", apuntou o nacionalista. Santi Domínquez sinalou que a orixe da posta en funcionamento desta brigada está na demanda dos veciños e veciñas do Casco Vello dunha maior axilidade na solución dos pequenos desperfectos, como arranxo de barandillas, cambio de luminarias ou reparación de losetas.

O tenente de alcalde explicou que a brigada se encargará do arranxo dos desperfectos comunicados polos veciños e veciñas do Casco Vello, dos coidadores do barrio, ou ben das suxestións trasladadas pola cidadanía mediante o servizo municipal do 010. Lembrou que o barrio histórico do centro de Vigo viña sufrindo un grave deterioro dende hai anos, de xeito que estas primeiras semanas de funcionamento deste novo servizo están servindo para "poñer o traballo ao día".
Descargar todas as imaxes