Escoitar
As obras formarán parte dunha exposición que se celebrará en xuño na Casa da Xuventude

Xuventude convoca un concurso de pintura e debuxo cun primeiro premio valorado en 150 euros

luns, 8 abr 2002
A Concellería de Xuventude convoca o I Concurso de Pintura e Debuxo “Mirarte” aberto a tódolos alumnos e alumnas matriculados en centros públicos de Ensino Secundario de Vigo. O obxectivo é fomentar e estimular a creatividade artística dos mozos e mozas da nosa cidade e ofrecer vías de expresión e de lecer que supoñan un progreso no seu desenvolvemento persoal.

O certame ten un primeiro premio valorado en 150 euros e un segundo valorado en 90. Os xoves que estén interesados teñen un prazo de entrega de traballos que rematará o 15 de maio ás 14 horas. As obras formarán parte dunha exposición que se celebrará entre os días 4 e 14 de xuño na Sala de Exposicións da Casa da Xuventude.

Cada autor pode presentar tódalas obras que desexe, coa condición de que non foran premiadas con anterioridade. Asimesmo, o tema, técnica e estilo son libres. As obras teñen que ser orixinais e deben ter un tamaño mínimo de 21,00 por 29,7 cm (DIN A4).

As bases dispoñen que os traballos entregaranse, asinados con seudónimo ou lema, na Casa da Xuventude, situada na rúa López Mora, 31-36211 Vigo.

As obras acompañaranse dun sobre pechado onde, por fóra, figurará o mesmo seudónimo ou lema. No interior da misiva incluiranse os datos do autor (nome e apelidos, idade, enderezo, teléfono de contacto así como o instituto ó que pertence, curso e grupo) e os datos do traballo (título, técnica empregada e medidas).

O xurado poderá deixar desertos os premios que considere oportunos e facer mencións de honra para algunha das obras non premiadas. Os seus membros serán técnicos do Concello de Vigo e membros dos departamentos de debuxo de varios institutos. O concelleiro de Xuventude, Santiago Domínguez Olveira, presidirá a comisión.