Escoitar

A mostra ”As lembranzas do ferro” exhibe 200 pezas relacionadas coa ferrería

venres, 5 abr 2002
imx1258.jpg
Obxectos
A concelleira de Patrimonio Histórico, Carmen Corbalán, presentou a exposición sobre a ferrería tradicional ”As lembranzas do ferro” que permanecerá aberta no Instituto Camoens situado na praza de Almeida, no Casco Vello, ata o 28 de abril.

Esta mostra intégrase no labor do Centro de Artesanía Tradicional, que xorde coa vocación de recuperar, promover e dinamizar os oficios tradicionais. Este centro desenvolve diversas liñas de acción como a posta en marcha da Casa do Cesteiro, mediante a que se montou a exposición de cestería tradicional, promove traballos de investigación de recollida de datos e pezas, inicia unha política de contacto cos artesáns que aínda exercen o seu oficio nos diversos eidos e establece intercambios cos distintos centros e institucións que permiten unha proposta máis ambiciosa a prol da revalorización do noso patrimonio. Neste contexto enmárcanse os traballos que embocan na exposición que hoxe se inaugura.

A forxa é o xeito máis antigo de traballar o ferro. Os ferreiros foron dende tempos remotos ata os nosos días os máis importantes proveedores de toda clase de aparellos precisos no día a día da nosa sociedade. Non obstante, o pasado século XX foi testemuña do progresivo e acelerado decaemento desta ancestral artesanía.

O espallamento de novas técnicas de producción industrial, por un lado, e a perda de identidade -tanto simbólica como material- da cultura tradicional provoca que sexa moi difícil atopar ferreiros que dominen as vellas técnicas para domear a man o metal.

Con esta exposición, o Centro de Artesanía Tradicional pretende render unha merecida homenaxe a estes artesáns ofrecéndolle á cidadanía a posibilidade de coñecer e recoñecer os segredos, as lembranzas e a cultura que se forxaron nos seus obradoiros.

Quérese tamén potenciar con esta mostra a reflexión sobre a grande riqueza do noso patrimonio etnográfico e a importancia da súa conservación.
Visitando a exposición atópanse preto de 200 pezas relacionadas co oficio e a súa producción, sendo a producción a máis representada debido ao amplo abano de productos que os ferreiros realizaban. Non se debe esquecer que proporcionaban incluso a ferramenta indispensable para outros oficios (cesteiros, zoqueiros, mariñeros ou canteiros). Estas pezas atópanse estructuradas en cinco unidades temáticas:

-O ferro na antigüidade.
-A preparación do mineral.
-A fragua, ferro lume e aire.
-O ferro no cotiá.
-O ferro na cultura popular.

A exposición complétase coa conferencia sobre ”A Forxa Tradicional en Galicia”, que terá lugar na Casa da Cultura Galega o vindeiro 17 de abril a cargo de Clodio González Pérez, coñecido etnógrafo e historiador.

Colaboradores na exposición

Esta exposición non sería posible sen a colaboración das seguintes entidades e particulares:

Entidades

INSTITUTO CAMOENS, que cede as súas instalacións para realizar a exposición.

CONCELLO DE TARAMUNDI, que proporciona un despece do proceso de fabricación dunha navalla e un coitelo.

MUSEO DO POBO GALEGO / FUNDACIÓN LISTE MUSEO ETNOGRÁFICO, ofreceron unha gran representación da ferramenta do oficio e dos productos tradicionais que estes elaboraban.

MUSEO MUNICIPAL DE VIGO ”QUIÑONES DE LEÓN”, que ofrece tódalas pezas da área arqueolóxica da exposición.

Particulares

ALBERTO LEIS, ferreiro fillo de ferreiro afincado en Santiago de Compostela, gran coñecedor da técnica tradicional que aporta pezas de forxa artística elaboradas con técnica puramente tradicional.

GONZALO RASCADO, responsable da presencia na exposición dunha maqueta de mazo que permite observar o funcionamento deste aparello.

Descargar todas as imaxes