Escoitar

O vindeira semana constituirase a agrupación de desenvolvemento do proxecto Compás

xoves, 4 abr 2002
A Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo constituirá o próximo mércores, 10 de abril, xunto con outros axentes sociais, a Agrupación de Desenvolvemento da Área de Vigo do proxecto ”Compás”’, enmarcado na Iniciativa europea Equal, e que persegue a mellora da ocupabilidade dos habitantes desta zona que teñen dificultades para acceder ó mercado laboral.

Segundo explicou o concelleiro delegado do proxecto, Delfín Fernández, durante a súa presentación, a firma do acordo que dará lugar ó nacemento deste órgano terá lugar no marco dunha xornada que se celebrará baixo o lema “Cara a un sistema innovador de inserción laboral na área de Vigo”.

No transcurso deste encontro abordaranse, entre outras cuestións, as características do programa ‘Compás’, que coas súas accións pretende evitar a discriminación que sofren certos sectores sociais para acceder ó mercado laboral.

Neste proxecto traballarase sobre unha poboación inicial de entre 2.000 e 2.500 persoas, entre as que posteriormente se seleccionarán aquelas que se beneficiarán das actuacións contempladas no mesmo.

Durante a súa intervención Delfín Fernández mostrou a súa satisfacción polo feito de que para a posta en marcha de ‘Compás’, a Mancomunidade acadara a participación de tódolos axentes sociais da comarca implicados no mercado de traballo, unha circunstancia que, segundo manifestou, non ten precedentes en Galicia.

No proxecto ‘Compás’, que conta cun orzamento de execución de case 3 millóns de euros (uns 500 millóns de pesetas), participan concretamente os tres sindicatos, a Confederación de Empresarios, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, a Deputación de Pontevedra, e as obras sociais de Caixanova e Caixa Galicia.

O concelleiro delegado do programa indicou, así mesmo, que con esta iniciativa non só se pretende promover a inserción laboral de persoas con problemas para acceder ó mercado laboral, senón que tamén se pretende que sirva para que no futuro se poidan utilizar as técnicas ensaiadas no proxecto neste campo.