Escoitar

Comezaron as obras de humanización do Calvario

mércores, 3 abr 2002
imx1252.jpg
Comezo das obras
O alcalde, Lois Castrillo, asistiu esta mañá ao comezo das obras de humanización da rúa Urzaiz no Calvario, un proxecto que se vai desenvolver en varias fases e para o que o Concello ten comprometidos 1.800.000 euros.

Castrillo explicou que a mellora da rúa Urzaiz é só o primeiro paso para unha profunda transformación do barrio do Calvario. As obras en Urzaiz contribuirán a revitalizar economicamente a zona mediante a creación dun ámbito comercial e de lecer máis atractivo. Posteriormente, abordarase a construcción dun aparcadoiro soterrado baixo a rúa Jenaro de la Fuente, acometerase a rexeneración urbanística do contorno da rúa Asturias e continuarán as obras de humanización doutros espacios públicos do barrio.

As obras que principiaron hoxe cambiarán radicalmente o aspecto da rúa Urzaiz no treito comprendido entre o cruce dos Choróns e o cruce con Martínez Garrido. A rúa terá pavimento de pedra, máis espacio para os peóns, novo mobiliario urbano, máis arborado, colectores de lixo soterrados e unha completa rede de servicios. A primeira fase de traballo abranguerá dende a rúa León ata a rúa Aragón.

O concelleiro de Vías e Obras, Uxío González, sinalou que as obras dividiranse por sectores para causar as menores molestias posibles e para facilitar os labores de carga e descarga aos comerciantes e o acceso aos residentes. González agradeceu a colaboración mostrada polas asociacións de comerciantes e veciños do barrio.

A causa das obras foi necesario cortar a circulación na rúa Urzaiz, polo que se lle recomenda aos conductores que queiran atravesar o barrio que utilicen a rúa Jenaro de la Fuente. Ese será tamén o traxecto que farán os autobuses urbanos que pasaban por ese treito de Urzaiz. En calquera caso garántese o acceso aos residentes e permitirase a carga e descarga.

Descargar todas as imaxes