Escoitar

Parques e Xardíns plantou 400 árbores nas rúas dentro dun programa de recuperación da paisaxe urbana

martes, 2 abr 2002
A Concellería de Montes, Parques e Xardíns ten iniciado unha plantación de 387 exemplares de distintas especies arbóreas nas rúas da nosa cidade, enmarcada dentro dun programa de recuperación co fin de facer máis agradables os entornos urbanizados, evitando a sensación de ambiente duro e frío que producen as rúas totalmente urbanizadas de asfalto e formigón.

As especies foron seleccionadas en función da súa resistencia á contaminación, o que permitirá incrementar a capacidade de rexeneración e filtrado do aire ao converter unha grande cantidade de CO2 en osíxeno. Á súa vez, increméntase o uso de superficies permeables, facilítase a infiltración e retención da auga de chuvia na terra. Durante as épocas de maior pluviometría, as árbores maduras chegan a reter máis de 190 litros de auga, o que reduce en parte os efectos erosivos das tormentas.

Con esta plantación mellórase o chan e a flora aproveitando a introducción de diversas especies, logrando así unha actuación dirixida a conseguir un ecosistema máis saudable e preservador da biodiversidade.

Esta actuación forma parte dun programa que, a maiores, pretende proporcionar sombra e posibilitar o aforro enerxético aos habitantes nos lugares onde se planten as árbores. De todos e todas é coñecida a grande incidencia do arborado na regulación da temperatura ambiente, e se se fai dun xeito estratéxico, pódese aforrar ata un 20% nos custes de electricidade, xa que naqueles lugares que proxectan a súa sombra chegan ata 15º máis frescos que aqueles que non a teñen. Pola contra, no inverno non permiten esas variacións bruscas á baixa, polo que as calefaccións consumirían menos.

A presencia de arborado nas rúas invita tamén a dar paseos onde se poida disfrutar da variedade, forma e color que proporciona a vexetación que configura unha paisaxe urbana dotada de arborado.


% / ESPECIES / EXEMPLARES / NOME COMÚN

4,4 / Alteas / 17 / altea
5,4 / Camelia / 21 / camelia
19,9 / Ligustrum lucidum / 77 / aligustre
12,1 / Acer sp. / 47 / pradairo
1,3 / Glelitsias / 5 / acacia
3,1 / Prunus serrulata / 12 / cerdeira
3,6 / Jacarandas / 14 / xacaranda
1,8 / albicias / 7 / acacia de Constantinopla
5,4 / Ulmus sp. / 21 / olmo
0,5 / chamaeciparis / 2 / chamaciparis
0,8 / Liriodendron tulipifera / 3 / tulipeiro
0,5 / Fagus sylvatica / 2 / faia
2,1 / Betula alba / 8 / bidueiro
0,5 / Populus sp. / 2 / chopo
1,0 / Liquidambar stiraciflua / 4 / liquidámbar
0,5 / Tilius sp. / 2 / tilo
2,3 / Prunus pisardii / 9 / ameixeira xaponesa
0,8 / Carpinus betulus / 3 / carpe
33,9 / Prunus avium / 131 / cerdeira

Total....100%......... 387 exemplares