Escoitar

Castrillo cualifica como ”positivo” o compromiso do presidente da Xunta sobre o enlace de alta velocidade Vigo-Ourense

martes, 2 abr 2002
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, cualificou como “importante e positivo” o compromiso adquirido polo presidente da Xunta, Manuel Fraga, de que o Ministerio de Fomento inclúa entre os seus estudios de modernización da rede ferroviaria o enlace entre Vigo e Ourense mediante Alta Velocidade. Castrillo cre que as manifestacións de Fraga supoñen un avance sobre os plans iniciais do Ministerio e significan que a Xunta asumiu a demanda do Consello Económico e Social de Vigo.

Castrillo dixo que haberá que estar vixiante nos próximos meses para verificar que este compromiso se concrete nos estudios informativos e nos correspondentes orzamentos. O alcalde advertiu tamén que toda a cidade debe velar porque se cumpla o compromiso acadado, xa que é de extrema importancia para garantir o desenvolvemento económico de Vigo e da súa área no futuro.